O Consorcio Casco Vello adxudica as obras dunha nova promoción na rúa San Sebastián

O proxecto aprobado permitirá a creación de dúas novas vivendas.

Vigo, 30 de maio do 2024.- O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a adxudicación á empresa Excavaciones y Construcciones Laureano Covelo SA das obras de rehabilitación dos inmobles situados nas rúas San Sebastían 20 e Hortas 2-4, o que permitirá engadir dous novos elementos ao parque de vivendas rehabilitadas por este organismo. 

O orzamento para a construción destas dúas novas vivendas é de 715.000 euros (Ive incluído); está previsto que as obras se poñan en marcha no ultimo tramo deste ano e que queden finalizadas ao longo de 2025. O proxecto de rehabilitación foi elaborado polo estudo Castroferro que, partindo de varios inmobles contiguos de pequenas dimensións e moi mal estado de conservación, plantexan a creación de dúas vivendas unifamiliares cunha superficie útil lixeiramente superior cada unha delas aos 110 metros cadrados. Ambas contarán con tres dormitorios, dous baños, salón-comedor-cociña e zona de servizos. Tamén estarán dotados dun patio que, no caso da primeira vivenda, supera os 20 metros cadrados, que se reducen ata 8,5 na segunda.

Esta actuación supoñerá o retorno das rehabilitacións promovidas polo CCVV á rúa San Sebastián, na zona alta do Casco Vello, unha das que concentrou un maior número de intervencións deste organismo, que permitiron a recuperación de 11 edificios situados na mesma, aos que agora se suma o situado no número 20. No caso da rúa Hortas, o CCVV xa interviñera previamente en dous edificios. Neste momento o Consorcio Casco Vello ten en execución outras tres promociones: Ribeira do Berbés 39/San Francisco 2; Subida ao Castelo 9 e Elduayen 31. As dúas últimas atópanse xa nas súas últimas fases e espérase que en breve póidanse poñer en marcha os correspondentes procesos de adxudicación.

Por outra banda, na mesma reunión aprobouse o acordo que poñerá en marcha os traballos para a elaboración do plan de actuacións do Consorcio para o período 2026-2030.

Real 13

Con anterioridade ao Comité Executivo realizouse unha reunión do Consello de Administración do CCVV que acordou a posta en marcha do procedemento para a adxudicación, en réxime de alugueiro, do local creado tras a recuperación do edificio situado no número 13 da rúa Real. Conta cunha superficie útil de 46,40 metros cadrados e a súa renda anual será de 1807,56 €.

Facebook