O CCVV considera que o traslado do Rexistro Civil ao casco histórico da cidade amosa a “aposta decidida” pola revitalización integral do Casco Vello

  • A presidenta do Consorcio, Lucía Molares, valorou moi positivamente o anuncio feito onte polo titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, tras aprobar no Consello da Xunta un convenio de colaboración para ubicar o Rexistro Civil na zona antiga da cidade.
  •  Molares sinalou que a iniciativa supón dar  “un paso máis” para conseguir a recuperación integral do Casco Vello coa incorporación “non so de vivendas rehabilitadas, senón tamén coa chegada de novos servizos administrativos”.

Vigo, 21 de abril de 2011.- “Amosa a aposta decidida pola revitalización integral do casco histórico”. Así foi como valorou a presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, Lucía Molares, o anuncio feito polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, tras a aprobación polo Consello da Xunta dun convenio de colaboración que se rubricará entre a Administración autonómica e o CCVV co fin de trasladar o Rexistro Civil á zona antiga da cidade.

Segundo sinalou Molares, o feito de que o Consello da Xunta dera luz verde ao convenio de colaboración para dotar de novos servizos administrativos ao Casco Vello de Vigo supón dar “un paso máis” para lograr o obxetivo final de recuperar integralmente a zona antiga da cidade. “Coa incorporación de novas dotacións administrativas, neste caso xudiciais, e non só de vivendas rehabilitadas, apostamos pola revitalización total do casco histórico de Vigo”, dixo a presidenta, quen considerou que “é unha satisfacción que, nestes momentos de crise, a Xunta siga a comprometerse coa recuperacion do casco histórico”. Neste caso, coa instalación de dotacións administrativas buscando así o dobre obxectivo de ofrecer mellores servizos aos cidadáns e seguir avogando pola recuperación do barrio antigo. “Seguimos a apostar polo Casco Vello coa ubicación dun servizo xudicial tan importante coma é o Rexistro Civil”, dixo a presidenta.

Con todo, a operación que se levará a cabo prevé a adquisición por parte do Goberno galego dunha parcela dotacional -propiedade do CCVV-  situada no número 13 da rúa San Sebastián,  que conta cunha superficie total de 318 metros cadrados, ademais dun local ubicado no número 24 da rúa Abeleira Menéndez, de 67 metros cadrados, cuxo inmoble foi rehabilitado polo Consorcio e cuxas vivendas formarán parte das vindeiras promocións do CCVV que se sortearán coma VPA a prezo concertado entre as persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda.

A iniciativa supón así levantar unha nova edificación que se construirá nunha superficie de 206 m2 sendo a idea inicial que o futuro Rexistro Civil albergue semisoto, baixo e planta primeira co obxectivo de intercomunicar ambas rúas da parte alta do barrio histórico da cidade.

Neste senso, a presidenta do CCVV e delegada da Xunta en Vigo fixo especial fincapé no feito de centrar os esforzos de rehabilitación e recuperación do Casco Vello na zona alta do casco histórico e deste xeito recordou as obras que se iniciaron hai uns meses no cuarteirón das rúas San Sebastián e Ferraría así coma as que xa están licitadas no mesmo entorno e que se adxudicarán nas vindeiras semanas. Ademais, lembrou os avances levados a cabo nos procedementos administrativos das vivendas xa recuperadas e que xa contan cos primeiros adxudicatarios: “Xa temos as primeiras familias que residirán nas vivendas, seguimos avanzando na rehabilitación doutros inmobles, traballamos no destino dos locais comerciais e agora seguimos a apostar pola incorporación de novas dotacións administrativas”, concluíu a presidenta.    

Importante traballo de rehabilitación A día de hoxe, o Consorcio Casco Vello de Vigo é propietario de 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados e contan cun total de 13 locais comerciais. Así, 52 vivendas xa son habitables e delas, 35 están destinadas á venda a prezo concertado, 11 a aluguer e 6 a realoxos.

Ademais, na actualidade xa se están a realizar novas obras na zona alta do Casco Vello, traballando así na execución doutros 9 locais comerciais e 42 vivendas, das cales 9 xa están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto.

Facebook