Vigo desde o ceo
Vigo é unha cidade que conta con moitos monumentos, rincóns dignos de ser desfrutados, rúas polas que perderse e, por suposto, un fermoso Casco Vello. Pero tamén esconde moitas sorpresas ás que non sempre lles prestamos a atención que merecen.
É o caso das esculturas que coroan moitos edificios de Vigo e nos que, precisamente por situarse nas alturas, non nos fixamos o suficiente.
Hoxe imos percorrer a cidade para descubrir todas esas esquecidas obras de arte.
A Vitoria de Samotracia
A dez pisos de altura no Edificio Albo, no cruce de Gran Vía con Urzáiz e Lepanto, sitúase a reprodución viguesa desta obra de arte, modelada por Jesús Picón. Se baixades pola rúa Urzáiz desde Vía Norte, alzade a vista e contemplade esta marabilla artística.
‘A Peineta’
Construída por Jenaro de la Fuente, ‘A Peineta’, como se lle coñece comunmente, leva na cidade desde 1926, erguéndose sete alturas sobre a rúa, na esquina de Urzáiz con Lepanto.
Durante anos soportou o logotipo da caixa de aforros da cidade, que foi substituído por un neón que se mantén aínda pero que non está operativo.
Edificio Mülder
Con máis dun século de antigüidade, esta obra de Gómez Román elévase catro alturas desde a rúa Montero Ríos.
Como podedes ver na fotografía, o edificio remata nunha cúpula ovalada recuberta de cerámica de cor cobre. Ademais, está moi decorado, con paneis que representan seres mitolóxicos, motivos vexetais e con dous amplos balcóns.
O banco de Vigo
Este edificio coñécese con este nome por ser sede do banco de Vigo durante dous anos. É obra, tamén, de Gómez Román e sitúase na intersección de Policarpo Sanz con Colón.
O edificio culmina nunha cúpula que ten unha decoración especial, xa que mestura elementos modernistas e clásicos.
A Equitativa
Situado en Marqués de Valladares, está custodiado por unha figura feminina que ten unha balanza, e que emula á deusa romana da Xustiza. A obra foi deseñada en 1948 por Manuel Cabanyens y Mata.
Teatro García Barbón
O edificio, un dos máis recoñecidos polos vigueses, é obra de Antonio Palacios e foi rematado en 1926.
A fachada principal plasma o gusto de Palacios pola decoración, se ben a fachada posterior é un dos elementos máis singulares do teatro, coa súa gran ventá de sete metros por once.
Nos anos 70 e 80 reformouse o edificio da man de Desiderio Pernas, que incluíu unha cuberta de cobre sobre a terraza orixinal para albergar a biblioteca e dúas esculturas en bronce de cabalos deseñados por Juan Oliveira. Tamén se construíron seis figuras de pedra, obra de Manuel García Buciños, que representan as artes: pintura, teatro, escultura, literatura, cine e música.
Sede de Abanca
Situada na esquina de Colón con García Barbón, as obras para realizar este edificio comezaron en 1953 e correron a cargo de Gaspar e José Blein Zarazaga e Manuel Romero Aguirre, coa participación de Antonio Cominges.
Aínda que conta cun deseño moi sobrio, na fachada principal sobresae un pórtico coroado por catro estatuas que representan o aforro, o traballo, a xustiza e a tradición familiar.
Fonte de información e fotografías: Faro de Vigo.