Tres novas accións culturais na sede de Évame Oroza
Vigo, 13 de decembro do 2023.– A sede da fundación cultural Évame Oroza no Casco Vello de Vigo (Rúa Subida a Costa, 5) acollerá esta semana tres novas actividades culturais. A primeira delas terá lugar mañá mesmo, xoves 14 de decembro, a partir das 20:00 horas, e correrá a cargo da artista arxentina e galega Gaba Cánaves Miñones. Presentada baixo o título “Retazos de tiempo”, trátase dunha acción audiovisual que a autora define como unha “colaxe audiovisual para unha odisea secular” e pretende, partindo da súa propia experiencia como neta de de exiliados do franquismo, converterse nun punto de partida para que o público comparta as súas propias historias familiares transoceánicas de emigración e exilio. As mesmas plasmaranse en distintos formatos e cada participante elaborará un barco de papel como resumo desas experiencias que finalmente, e como “acción poética transversal”, serán lanzados ao mar.
O venres 15, á mesma hora, inaugurarase a exposición fotográfica “El Barranco”, da fotógrafa galega Sara Priego. Trátase dunha mostra de imaxes en pequeno formato coa que a artista propón unha exploración das emocións nun proceso que se desenvolve ao longo dunha ano. A exposición permanecerá aberta ata o 15 de xaneiro do próximo ano.
Finalmente o sábado 16, ás 12:00 horas do mediodía, presentarase o libro “José Afonso. O triángulo máxico na súa vida e obra”, de Paulo Esperança. O acto contará, ademais de con o propio autor, coas intervencións do actor Gil Filipe e o xornalista Xan Carballa, así como coas participacións musicais de Su Garrido, Xán López e Xicode Cariño.