Subida a Costa, 5, rehabilitación no corazón do Casco Vello Alto

Nas próximas semanas finalizará a construción  e incluirase nun próximo concurso a promoción do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) situada na rúa Subida a Costa, 5.

Os máis de douscentos mil euros de investimento que supuxo este proxecto permitirá rehabilitar un edificio, anteriormente con uso hostaleiro,  para  xerar  unha vivenda situada en planta baixa e planta primeira e un local comercial  en planta baixa e semisótano, cunha superficie total construída de 239,63 m2.

Aspecto dun momento da rehabilitación do edificio

A vivenda estará dotada con dous dormitorios, un baño, cociña-salón-comedor e lavadoiro-tendal.  A fachada contará con balcóns á rúa Subida a Costa e na parte posterior de plánta soto existirá un pequeno patio interior. A parte traseira da vivenda, pola diferenza de cotas na zona, será especialmente asollada ao quedar sobreelevada en relación a moitas das edificacións situadas  ao redor.

A actuación realízase nunha parcela cualificada como chan urbano consolidado dentro do  PEPRI Casco Vello de Vigo. De acordo con esta cualificación consideráronse como elementos a protexer na execución do proxecto as fachadas de pedra do  edificio,  prohibíndose a alteración dos seus materiais e carpinterías exteriores. A licenza de obra foi concedida en xuño de 2016 e as obras iniciáronse a principios de 2017. Previamente demoleuse un anexo realizado no patio exterior do edificio considerado ilegal.

Subida á Costa 5 súmase ás varias rehabilitacións acometidas polo CCVV nesta zona que contribuíu a transformar toda esta parte do Casco Vello Alto, que pasou de ser unha zona totalmente degradada a converterse nun viario de ligazón peonil entre a zona do concello de Vigo e Paseo de Alfonso XII, con algunhas das mellores realizacións arquitectónicas executadas na nosa cidade na última década.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.