A Ferrería recupera un obrador de pan artesán da man de Trastrigo
A piques de abrir as súas portas ao público, Macarena Cuíñas, Jorge Justo, Francisco Valverdú, Tomás González e Emilio González, os artífices de Trastrigo, apuran estes días os últimos retoques para que o seu obrador de pan comece a dar servizo á cidadanía desde a emblemática rúa Ferrería.
Coñecedores da oportunidade que lles ofrece a día de hoxe o Casco Vello, este grupo de amigos da infancia e vigueses, decidiron apostar polo barrio histórico co obxectivo de suplir unha carencia: ofrecer pan diario e de calidade ao seus veciños. “Vimos que ao tempo que se recuperaba a zona non había moitos servizos básicos coma unha panadaría e, tras algún proxecto empresarial máis, pensamos nun obrador e nun despacho de pan”, sinala Jorge, quen xunto a Francisco, serán os encargados de elaborar o pan artesán de Trastrigo.
Pero a chegada de Trastrigo ao barrio histórico será por partida dobre. E é que ao obrador emprazado no número 11 da rúa Ferrería sumarase tamén, nas vindeiras datas, a apertura do despacho de pan no número 25 da rúa Real. “Trátase de que calquera veciño ou veciña do Casco Vello non teña que saír do mesmo para poder gozar dun bo pan”, comentan desde Trastrigo.
Tanto o local de Ferrería, 11 (obrador de pan), como o de Real, 25 (despacho de pan) forman parte da oferta de baixos comerciais impulsada desde hai uns anos por parte do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV). Este programa liderado polo organismo para atraer ao barrio a novos emprendedores tradúcese xa nun total de 15 negocios con actividade empresarial noutras rúas como Abeleira Menéndez, Cruz Verde, Santiago ou San Sebastián, así coma na propia Ferrería.
Os propietarios de Trastrigo valoran positivamente as vantaxes que o CCVV ofrece para o aluguer dos locais que rexentan e que, como no resto dos casos, aplica un desconto do 50% no prezo do baixo durante os dous primeiros anos de actividade. Así mesmo, poderían optar á compra do inmoble ao ano de actividade.
Sen dúbida, Trastrigo tiña que facerse un oco no barrio histórico, xa que se presentaron co proxecto que agora está preto de inaugurarse aos distintos concursos públicos do CCVV. Primeiro optaron ao local de Abeleira Menéndez, 13, hoxe rexentado polo fotógrafo Javier Teniente e, segundo, aos emprazados tamén na Ferrería, Espacio Nido. Á terceira foi a vencida.
En canto ao pan que ofrecerá Trastrigo, será “o máis artesán posible”, aseguran desde o obrador que contará, para a súa elaboración, con tecnoloxía innovadora como, por exemplo, un armario de fermentación programada que permitirá optimizar os tempos da masa do pan. “Non vimos a competir, senón a dar un servizo básico ao barrio que cada vez conta con máis familias e emprendedores”, subliñan.
Desde o CCVV desexamos longa vida a Trastrigo e animámosvos a todos a probar os seus pans tradicionais, poderedes facelo desde o propio obrador en Ferrería, 11, xa que o local ten un pequeno mostrador, así como desde o despacho propiamente dito na rúa Real. Están deliciosos, prometido!