Os adxudicatarios das 15 vivendas de protección autonómica rehabilitadas polo CCVV coñeceron hoxe o seu piso asignado
- Lucía Molares presidiu esta mañá unha reunión cos adxudicatarios das vivendas sorteadas o pasado 4 de agosto polo IGVS e que participaron tamén nun novo sorteo de asignación do piso concreto que lles tocou.
- Os adxudicatarios, que recibiron xa a notificación da resolución por parte do CCVV, teñen agora un prazo de 45 días para formalizar as súas hipotecas e rematar logo o proceso coa entrega de chaves.
- As 15 VPA pertencen as tres promocións situadas nas rúas: Abeleira Menéndez 18-20; e 24-26; e Cruz Verde, 5, sendo o prezo da vivenda máis barata adxudicada de 71.000 euros e a máis cara de 147.000 euros.
Vigo, 01 de setembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, Lucía Molares, mantivo hoxe unha reunión cos adxudicatarios das 15 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) rehabilitadas polo organismo, e que serviu ademais para a celebración dun novo sorteo de asignación do piso concreto que lles tocou o pasado 4 de agosto, da man do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Molares, que estivo acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, presidiu dita reunión que se iniciou ás 10:00 horas no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta, onde aproveito para agradecerlles a aposta de cada un por decidir vivir no barrio histórico, inmerso nun profundo proceso de rehabilitación integral.
Os adxudicatarios das 15 VPA, que previamente estiveran inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta, teñen agora un prazo de 45 días naturais para formalizar as súas hipotecas e rematar logo o proceso coa entrega de chaves das súas novas vivendas.
As vivendas adxudicadas polo IGVS pertencen as tres promocións sitas en Abeleira Menéndez 18-20; Abeleira Menéndez 24-26; e Cruz Verde, 5. Das 15 vivendas, 9 delas son de dous dormitorios e as 6 restantes dunha habitación. As superficies dos pisos oscilan entre os 40,19 m2 e os 83 m2 e os prezos son entre os 71.285,81 euros para a vivenda máis barata aos 147.289,71 euros, da máis cara.
Coa asignación das vivendas por parte do CCVV, se fará realidade nos vindeiros meses a chegada dun total de 15 familias máis aos inmobles rehabilitados integramente polo organismo, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% restante polo Concello de Vigo, na zona histórica da cidade. Nestes meses incorporaranse ao redor de 50 novas familias ao Casco Vello vigués e as previsións do CCVV é que outras 50 cheguen o vindeiro ano, xa que o ente está a executar no barrio histórico obras por valor de máis de 3 millóns de euros
Na actualidade, 15 familias, das 19 primeiras vivendas entregadas polo CCVV xa residen nas súas novas vivendas sitas nas rúas Abeleira Menéndez, 11, Abeleira Menéndez 13-15, Real, 16, Santiago 11-13-15-17 e Santiago, 19. Asemade, no que respecta ao proceso das 12 vivendas de promoción pública (VPP) en aluguer, o novo sorteo celebrarase tamén nas vindeiras semanas.
Ademais, neste mes de setembro, o CCVV celebrarase varias mesas de contratación para adxudicar os primeiros 11 locais comerciais rehabilitados en réxime de aluguer que o ente pon no mercado. Os prezos destes locais van dende os 120 euros aos 317 euros mensuais (sen IVE), durante os dous primeiros anos de arrendamento. Os adxudicatarios terán tamén a opción de compra pasado un ano da posta en marcha da actividade, os prezos de compravenda irán dende os 36.300 euros aos 126.500 euros.