O Plan do Litoral e o Casco Vello de Vigo recibiron hoxe o galardón máis prestixioso de España nas categorías de ordenación do territorio e tranformación urbana
- O Xurado valorou o Plan de Ordenación do Litoral, en vigor dende o ano 2011, porque “representa un instrumento indispensable para a constitución dun marco normativo estable de protección do litoral de Galicia”
- Destaca o modelo territorial propio que reflexa o documento, que xorde desde o convencemento de que protexer non é só prohibir, senón xestionar un territorio ordenando os seus usos
- A recuperación do Casco Vello de Vigo lévase a cabo a través do Consorcio creado en 2005 pola Xunta, que aporta o 90% do financiamento, e o Concello de Vigo, co 10% restante
- A Bienal premia a súa labor como “motor dun proceso de rehabilitación integral, arquitectónico, urbanístico, económico e social”
- Ademais premiouse o novo concello de Lalín na categoría de símbolos cívicos; e o Museo das Peregrinacións, na de reconversión e reutilización de edificios
Madrid, 14 de novembro de 2013.- Galicia foi unha das protagonistas nos premios da duodécima edición da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo celebrada hoxe en Madrid, posto que catro dos quince galardóns entregados polos arquitectos españois, o 26% do total, recaeron en proxectos realizados nesta comunidade autónoma.
Concretamente, o máximo recoñecemento dos profesionais do sector da arquitectura e o urbanismo premiou os seguintes proxectos galegos: o Plan de Ordenación do Litoral (POL), na categoría de ordenación do territorio e a paisaxe; a recuperación do Casco Vello de Vigo, na categoría de revitalización e transformación de centros urbanos; o novo concello de Lalín, na de símbolos cívicos; e o Museo das Peregrinacións de Santiago, na categoría de reconversión e reutilización de edificios. Todos eles contaron coa participación da Xunta de Galicia, especialmente os dous primeiros.
Os galardóns son convocados polo Ministerio de Fomento, a través da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, en colaboración co Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) e a Fundación Caja de Arquitectos e a Unión de Agrupacións de Arquitectos Urbanistas (UAAU). O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, recolleu esta tarde os galardóns concedidos aos dous proxectos nos que a Xunta de Galicia ten protagonismo directo como principal promotor: o POL e a rehabilitación da zona histórica da cidade de Vigo. O acto estivo presidido pola ministra de Fomento, Ana Pastor.
Plan de Ordenación do Litoral O Plan de Ordenación do Litoral, elaborado e aprobado pola Xunta e en vigor dende o ano 2011, foi premiado porque “representa un instrumento indispensable para a constitución dun marco normativo estable de protección do litoral de Galicia, que permite avanzar cara a unha sociedade máis xusta e competitiva pero tamén máis comprometida coa sustentabilidade e a paisaxe no marco dun novo modelo territorial propio, dinámico e innovador”
Para a Bienal “o POL xorde desde o convencemento de que protexer non é só prohibir, senón que consiste en xestionar un territorio ordenando os seus usos e atendendo á súa configuración natural e antrópica así como aos seus procesos e dinámicas”.
Non é esta a primeira distinción obtida polo POL, que xa conta co recoñecemento das Nacións Unidas como boa práctica ambiental.
Casco Vello de Vigo En canto á recuperación do Casco Vello de Vigo, proxecto liderado polo Consorcio Casco Vello, do que forman parte a Xunta de Galicia co 90% do financiamento e o Concello de Vigo co 10% restante, o xurado destaca que se trata “dunha peza emblemática da cidade, xurdida da relación co mar desde que os romanos instaláronse nel e comerciaron a través do seu porto”.
Lembra a situación de marxinalidade e degradación na que se atopaba, en especial a súa parte alta, cando en 2005 creouse o Consorcio “co obxectivo de servir de motor dun proceso de rehabilitación integral, arquitectónico, urbanístico, económico e social”.
A recuperación do Casco Vello de Vigo xa obtivo diversos galardóns no ámbito da arquitectura. O último deles, o outorgado no apartado de vivenda polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) ao abeiro da súa rehabilitación no cuarteirón Ferraría-San Sebastián da parte alta do barrio histórico.
Novo concello de Lalín e Museo das Peregrinacións O xurado da Bienal tamén distinguiu hoxe outros dous traballos desenvolvidos en Galicia: o Museo das Peregrinacións, na categoría de reconversión e reutilización de edificios; e a nova Casa do Concello de Lalín, na de símbolos cívicos.
O edificio consistorial lalinense foi deseñado polos arquitectos Emilio Tuñón e Luis Mansilla e inaugurado o pasado mes de setembro, logo de recibir o impulso das distintas administracións, en particular de diferentes departamentos da Xunta de Galicia. Ademais de ofrecer mais e mellores servizos municipais os cidadáns, estase a converter tamén nun referente arquitectónico da vila.
En canto ao Museo das Peregrinacións, obra do arquitecto Manuel Gallego Jorreto, é, segundo a Bienal, “un camiño cara unha visión de Santiago e da Catedral que aproveita o existente e é respectuosa co entorno”.