O investimento de 665.000 euros permitirá concluir seis vivendas en Elduayen
Vigo, 11 de maio do 2023.- O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, en reunión celebrada esta mañá, adxudicou o contrato de execución das obras da súa promoción Elduayen 31 á empresa Civis Global, por un importe de euros. 664.912,32 € (ive incluído).
A finalización desta promoción permitirá poñer ao dispor dos interesados en residir nesta zona da cidade un total de seis vivendas de distinta tipoloxía e ademáis un local comercial. O edificio resultante desta intervención, cuxo deseño corresponde á arquitecta Mirian Liboreiro Amaro, estará distribuído en dous bloques comunicados interiormente entre se e que compartirán espazos de servizos comúns (cuartos de limpeza, eléctricos, cuartos de contadores …). Terá accesos tanto pola citada rúa Elduayen como pola de Ferrería. O bloque orientado á primeira das vías citadas albergará o local comercial e catro vivendas de dous dormitorios, cunha superficie aproximada de 60 metros cadrados útiles cada unha delas. As dúas vivendas orientadas cara á rúa Ferrería son de tipo dúplex, contan con tres dormitorios e unha superficie de 90 metros cadrados útiles nun dos casos e 106 no outro.
A nova construción conta ademais con catro rochos para as vivendas de menor tamaño. As obras, que se prolongarán ata o próximo ano, realizaranse sobre un solar irregular de 182,64 metros cadrados cunha diferenza de cota entre Elduayen e Ferrería de case dez metros. Así, o edificio terá unha fachada de cinco alturas cara á primeira rúa en tanto que na segunda serán tan só tres.