O IGVS publica a relación de candidatos para as promocións Real 25 e Cruz Verde 12
Un total de 80 candidatos foron admitidos provisionalmente, segundo a relación que acaba de facer pública o Instituto Galego de Vivenda e Solo de Galicia (IGVS), para participar nos sorteos de tres vivendas promovidas polo Consorcio Casco Vello de Vigo ( CCVV) en senllos edificios situados na rúa Real 25 e Cruz Verde 12 (picar nas direccións para acceder ás respectivas listaxes). As resolucións publicadas hoxe na páxina web do IGVS relacionan tamén as solicitudes non admitidas e abre un período de 7 días hábiles para emendar as circunstancias que ocasionaron esta inadmisión. Unha vez finalizado o mesmo elaborarase a listaxe definitiva e poñerase data aos sorteos que establecerán a orde de adxudicación das vivendas ofertadas.
A vivenda situada na rúa Real 25 formou parte dunha promoción anterior do CCVV, realizada en 2009, e sae agora a concurso tras concluír o dereito de superficie constituída sobre ela no momento da súa construción. Trátase dunha vivenda situada na segunda planta deste edificio, cunha superficie de 83 metros cadrados e para que a fixouse un prezo de 147.360,66 €.
Cruz Verde 12
En canto á promoción Cruz Verde 12 sinalar que son dúas as vivendas que se ofertan, ambas as duas cunha distribución similar que inclúe dous dormitorios, un baño, salón-comedor e lavadoiro-tendal. A vivenda A conta cunha superficie de 65,90 metros cadrados e adxudicarase cun prezo de 111.000 euros. A vivenda B, pola súa banda, ten unha superficie de 73,45 metros cadrados e o seu prezo fixouse en 126.000 euros.
A adxudicación destas dúas novas vivendas culmina a terceira das intervencións do Consorcio nesta céntrica rúa do Casco Vello Alto, moi próxima á Porta do Sol ou ao Concello da cidade. En total, incluíndo as que agora se van a adxudicar, creáronse na mesma nove vivendas e dous locais comerciais. Por outra banda, a rúa Real, verdadeira espiña dorsal do Vigo orixinario, foi obxecto tamén dun importante labor de recuperación por parte do CCVV. Esta inclúe a creación de 6 vivendas e dous locais comerciais así como a adquisición de varios edificios que posteriormente foron vendidos ou cedidos para a instalación de organismos como a sede dos rexistros da propiedade ou a futura sede da Asociación Down Vigo. Por outra banda, a finais do ano pasado o organismo rehabilitador, integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo adquiriu o edificio número 13 desta rúa, un dos de de maior tamaño da mesma, cuxa proceso de rehabilitación iniciarase próximamente.