O Consorcio fai efectiva a venda dos dous inmobles nos que se ubicará o novo Rexistro Civil de Vigo no barrio antigo
- A presidenta do Consorcio, María José Bravo Bosch, rubricou a venda coa Secretaria Xeral Técnica e do Patrimonio do Goberno galego, Mª Socorro Martín.
- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) ingresa preto de 580.000 euros polo baixo da rúa Abeleira Menéndez, 24 e o solar da rúa San Sebastián, 13 para continuar coa importante labor recuperación do barrio histórico.
- A Xunta de Galicia investirá un total de 1,5 millóns de euros para contar coas novas dependencias do Rexistro Civil no casco histórico.
Vigo, 23 de maio de 2012.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) fixo efectiva a venda dos dous inmobles nos que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza construirá o novo Rexistro Civil de Vigo no barrio antigo da cidade.
A presidenta do Consorcio e delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, rubricou a venda coa Secretaria Xeral Técnica e do Patrimonio da Xunta de Galicia, María Socorro Martín, para que o Goberno galego poida avanzar no procedemento administrativo e continuar cos trámites de cara a licitar canto antes os traballos de execución da obra.
Con esta operación -que permitirá dinamizar a zona antiga da cidade e ofrecerá un mellor servizo administrativo-, o CCVV ingresará preto de 580.000 euros, cantidade na que están valorados o local comercial de Abeleira Menéndez número 24 e o solar da rúa San Sebastián número 13 que, ata este momento, eran propiedade do Consorcio e que a partires de agora formarán parte do Patrimonio da Xunta de Galicia para destinalos ao novo Rexistro Civil de Vigo.
Bravo Bosch destacou a operación levada a cabo e, sobre todo, enfatizou o dobre obxectivo que se consegue: por unha banda dotar de mellores servizos administrativos o centro da cidade olívica e, por outra, contribuír na rehabilitación do casco histórico continuando así coa política social e coa importante labor de recuperación integral que está a desenrolar o Consorcio -participado nun 90% pola Xunta e no 10% restante polo Concello- na zona vella de Vigo.
Ademais, lembrou a gran aposta da Administración autonómica por trasladar o Rexistro Civil ao barrio histórico e apostou pola importancia deste proxecto, no que se investirán un total de 1,5 millóns de euros para contar cunhas novas dependencias no Casco Vello. Isto suporá a construción dunha nova edificación que terá uns 550 metros cadrados distribuídos en planta semisoto, baixa e primeira e que se unirá co baixo xa rehabilitado, sumando así máis de 600 metros cadrados e comunicando ambas rúas da parte alta do barrio histórico da cidade.
Ademais veranse beneficiadas as máis de 200 persoas que pasan a diario polas dependencias do Rexistro, nos vellos xulgados da rúa Lalín, así como os seus case 20 traballadores, xa que todos eles contarán cunhas mellores dependencias á hora de realizar trámites nelas. Por último, co traslado se permitirán liberar máis de 500 metros cadrados de espazo nas actuais dependencias dos xulgados, que ata o de agora se atopaban ao límite da súa capacidade.