O Consello de Administración do CCVV aproba o seu programa de actuación para 2021
O documento destaca o carácter investidor do labor desenvolvido polo Consorcio desde a súa creación hai 15 anos, que permitiu asentar poboación nesta zona da cidade
Vigo, 2 de novembro de 2020.- O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunido esta tarde baixo a presidencia de Marta María Fernández Tapias, delegada da Xunta de Galicia en Vigo, aprobou o seu Programa de Actuación, Investimento e Financiamento (PAIF) para o próximo exercicio, correspondente ao ano 2021.
O PAIF expón un volume de operacións a cargo deste organismo, integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, por importe de 3.057.644 €, dos que a maior parte, en concreto 2.582.600 € -o 84,46 por cento-corresponden á adquisición e rehabilitación de vivendas no Casco Vello de Vigo, obxectivo fundacional do Consorcio, sendo o resto gastos operativos e de xestión. Esta proporción, que se mantén desde a creación do Consorcio en 2005, permite cualificar, sen ningún xénero de dúbida, como INVESTIDORA o labor levado a cabo por este organismo
Groso do investimento
O documento aprobado hoxe recolle partidas para intervencións en 10 inmobles, aínda que é certo que ao ter todas elas carácter plurianual algúns importes son de pouca importancia e corresponden a tarefas menores ou trámites administrativos de vivendas xa executadas. O groso do investimento concéntrase, por tanto, en cinco promociones xa en marcha ou que comezarán a súa execución en breve. Ordenadas de menor a maior investimento estas intervencións son: Subida ao Castelo, 9 (200.000 €); San Francisco,15 (277.830 €); Real,13 (326.840 €); Elduayen, 31 (766.452) e Ribeira do Berbés, 29 (885.314 €).
De acordo coa normativa que regula a elaboración desta documentación estas cifras de investimento e gasto deben ter a súa correspondente contrapartida de ingresos, que neste caso proceden de dúas partidas básicas: as achegas dos seus socios integrantes por importe de 444.000 €, proporcional ao seu grao de participación, e a venda de activos procedentes do seu labor de rehabilitación. Neste sentido o PAIF expón a entrega de seis inmobles ao longo de 2021 para a súa posta ao dispor de novas familias que opten por residir na zona histórica de Vigo. Delas tres, Abeleira Menéndez, 16, Ribeira do Berbés, 41 e Cruz Verde, 12 atópanse xa moi avanzadas nos seus procesos de rehabilitación, estando prevista o seu alleamento durante o primeiro semestre de 2021, o que garantiría a viabilidade financeira do plan.
Así mesmo no transcurso do consello de administración aprobouse iniciar a revisión do plan de actuación 2018-2024, así como solicitar da administración municipal o exercicio das competencias urbanísticas necesarias para executalo e das dúas entidades concertadas os recursos financeiros para poder levalo a cabo. O plan de actuación deberá ser presentado ante este mesmo organismo nun prazo de seis meses.