O CCVV traslada á VigoVello as vantaxes dos locais comerciais dispoñibles para á chegada de emprendedores ao barrio histórico
- A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, presentou hoxe aos representantes da Asociación de Comerciantes VigoVello, Itos Domínguez e Anxo Méndez, o proxecto de baixos comerciais rehabilitados polo organismo.
- Na actualidade, o CCVV ten listos un total de 12 locais comerciais nas rúas Real, Abeleira Menéndez, Ferrería e San Sebastián con superficies que oscilan entre 98,80 m2 e 28,06 m2. Os prezos de aluguer durante os dous primeiros anos, e segundo os valores de taxación e a superficie dos locais, oscilan entre os 500 e os 150 euros ao mes.
- Os interesados deben presentar proxectos empresariais acordes coa filosofía de rehabilitación do CCVV e sempre co fin de preservar a convivencia cidadá.
- Os comerciantes do Casco Vello trasladaron á presidenta dúas propostas: sectorizar determinadas rúas coa agrupación de locais e actividades concretas ademais dun plan de sinalización nas rúas do barrio histórico.
Vigo, 18 de febreiro de 2013.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, mantivo está mañá un encontro cos responsables da Asociación de Comerciantes de VigoVello, Itos Domínguez e Anxo Méndez, para trasladarlles e explicarlles o proxecto de locais comerciais que impulsa o organismo –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo-.
Coa reunión preténdese que VigoVello axude ao CCVV a animar aos novos emprendedores de toda a cidade a emprazar o seu establecemento comercial nalgún dos 12 locais comerciais que están dispoñibles no barrio histórico cunhas inmellorables condicións en réxime de aluguer. Desde o colectivo de comerciantes, os seus voceiros apoiaron a iniciativa e comprometéronse a axudar a difundir e trasladar a oferta de locais comerciais do organismo aos seus asociados co obxectivo de dinamizar aínda máis a zona antiga.
Así mesmo os comerciantes do Casco Vello trasladáronlle a Bravo Bosch dúas propostas: sectorizar determinadas rúas coa agrupación de locais e actividades concretas ademais dun plan de sinalización nas rúas do barrio histórico para axudar aos turistas e aos cidadás en xeral a orientarse para poder chegar tanto aos novos locais coma a percorrer a zona histórica. Segundo avanzou a presidenta, a proposta de VigoVello, que cualificou de “moi boa”, podería levarse ao vindeiro Comité Executivo do organismo tendo en conta a súa necesidade polos vindeiros baixos comerciais que haberá na zona así coma pola recente apertura do Centro de Interpretación das Illas Atlánticas no edificio Cambón e a futura implantación dos Rexistros da Propiedade e do Rexistro Civil.
Pola súa parte, o xerente de VigoVello, Anxo Méndez, tras eloxiar a labor rehabilitadora do CCVV, afirmou que xunto ao organismo os comerciantes tamén queren que cheguen novos emprendedores ao barrio. “Imos colaborar ao cen por cen para que os baixos se ocupen”, sinalou.
A data de hoxe o CCVV ten dispoñibles un total de 12 locais comerciais nos baixos dos inmobles rehabilitados polo organismo nas rúas Real, Abeleira Menéndez, Ferrería e San Sebastián. As súas superficies oscilan entre 98,80 metros cadrados e 28,06 m2 e os prezos de aluguer, segundo os valores de taxación e en función da superficie de cada un deles, van entre os 500 e os 150 euros ao mes.
Os emprendedores interesados deben presentar proxectos empresariais acordes coa filosofía de rehabilitación do CCVV e sempre co fin de preservar a convivencia cidadá. Ademais beneficiaranse, durante os dos primeiros anos de arrendamento, dunha bonificación do 50% do seu importe. A maiores, os contratos terán unha duración máxima de 5 anos, cunha opción de compravenda transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade empresarial.
Características dos baixos comerciais dispoñibles
-Real, 25: superficie 72, 17 m2 e prezo 295,89 euros
-Abeleira Menéndez 18-20: superficie 55,18 m2 e prezo 226,23 euros
-Cruz Verde, 5, baixo esda: superficie 46,10 m2 e prezo 226,23 euros
-Cruz Verde, 5, baixo dta; superficie 54,70 m2 + 13, 20 m2 e prezo 224,27 euros
-Ferrería, 11: superficie 98,80 m2 e prezo 514,91 euros
-Ferrería, 25: superficie 59,25 m2 e prezo 265,57 euros
-Ferrería,27: superficie 60,08 m2 e prezo 283,71 euros
-Ferrería,29: superficie 67,67 m2 e prezo 302,24 euros
-Ferrería,31: superficie 33,21 m2 e prezo 159,60 euros
-Ferrería,33: superficie 52,95 m2 e prezo 257,67 euros
-San Sebastián, 8: superficie 28,06 m2 e prezo 163,16 euros
-Abeleira Menéndez, 24: superficie 32,07 m2 e prezo 234,03 euros
Con actividade empresarial Ademais, e dentro do plan de locais comerciais do CCVV, xa están alugados e en pleno funcionamento 5 locais nas rúa Abeleira Menéndez e Santiago. Na primeira rúa xa abriu A Tenda de Avó (unha tenda de produtos de proximidade, de produtos da terra); unha galería de arte e fotografía rexentada por Javier Teniente así coma A horta no prato (un establecemento de alimentos frescos e exóticos). Mentres, na segunda está o estudo de arquitectura Torrado Fernández e Oruga Express (unha tenda de fotografía).
Tamén están adxudicados outros 2 locais máis e pendentes de abrir. Trátase dun centro de artesanía e produtos de cercanía en Abeleira Menéndez, 24 (adxudicado a Espazo Horta Urbana) e unha editorial enfocada á poesía, narrativa e artes plásticas na rúa Santiago 11-13-15-17 (esquerda), que será rexentada por Mundo Detrás do Marco S.L.