O CCVV solicita a prórroga da sua actividade hasta 2025

Creado en 2005 na actualidade está participado pola Xunta de Galicia (90%) e o Concello de Vigo (10%)

Nos seus 16 anos de existencia adquiriu 82 edificios para a súa rehabilitación ou recuperación urbanística

 

Vigo, 24 de xuño do 2021.-  O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo acordou hoxe a presentación aos seus socios integrantes , o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello de Vigo, dun novo convenio de colaboración para prorrogar a súa actividade ata o 31 de decembro de 2025. A proposta, presentada pola presidenta do CCVV, Marta Mª. Fernández-Tapias Núñez foi aprobada por unanimidade e sinala a capacidade do Consorcio -recollida polos preceptivos informes técnicos – para facer fronte aos compromisos económicos da súa actividade durante este novo período.

Aspecto dunha das rehabilitacións acometidas polo CCVV.

A documentación achegada para xustificar a adopción deste acordo destaca o feito de que, a pesar da gran actividade desenvolvida polo CCVV desde a súa fundación en 2005, aínda persiste un importante labor a desenvolver para alcanzar o seu obxectivo fundacional de contribuír á recuperación integral desta zona da cidade de Vigo. Neste sentido destácanse como as máis inminentes a venda das Vivendas de Protección Autonómica xa rehabilitadas, a conclusión daquelas intervencións en fase de execución e a posta en marcha de varios proxectos xa aprobados. Sinálase, así mesmo, a complexidade de moitas das operacións necesarias para acometer novas adquisicións e rehabilitacións de acordo cos condicionamentos que impón o Plan Especial de Protección e Reforma Interior Casco Vello de Vigo, que delimita o ámbito de actuación do CCVV, polo que se conclúe a necesidade desta nova prórroga xa que, en boa medida, persisten as circunstancias que xustificaron a creación deste organismo.

A proposta tamén establece a continuidade durante os catro exercicios de vixencia do novo convenio das achegas orzamentarias de Xunta e Concello para o financiamento da operativa do Consorcio fixadas, segundo acordo entre ambas as partes en 2019, en 400.000 e 44.000 euros anuais respectivamente.

 

Vivendas e locais

 

Desde a súa creación fai dezaseis anos o Consorcio Casco Vello de Vigo adquiriu para a súa rehabilitación como vivendas ou outro tipo de intervención urbanística un total de 82 inmobles. Destes, 67 foron rehabilitados -ben directamente  polo Consorcio, ben por outros organismos tras a súa venda ou cesión mediante convenio para favorecer a instalación de organismos públicos na zona-, 5 atópanse en fase de execución e outros dez están pendentes de distintos trámites para a súa recuperación. O número total de vivendas postas ao dispor de familias viguesas foi de 111, xa vendidas e ocupadas no seu maior parte, salvo 7 que se atopan en réxime de alugueiro ou cedidas para realoxamentos de anteriores propietarios e outras 3 xa adxudicadas pero pendentes de formalizar as súas escrituras de propiedade. Os distintos proxectos en execución neste momento permitirán engadir a esta listaxe outras 14 vivendas a curto e medio prazo. En canto aos locais comerciais creáronse un total de 34, dos que se venderon 6 e outros 8 están ocupados en réxime de alugueiro. Os restantes están pendentes de concurso para a súa adxudicación.

.  

A intervención do Consorcio permitiu a recuperación de decenas de edificios deteriorados.

O Consorcio Casco Vello de Vigo, que opera baixo a figura legal de consorcio interadministrativo como un ente organizativo con capacidade xurídica propia, foi fundado o 3 de febreiro de 2005. Os seus socios fundadores foron a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Concello de Vigo. No ano 2007 Zona Franca decidiu apartarse desta iniciativa e a súa achega foi asumida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, que elevou a súa participación económica ata os 27 millóns de euros, polo que desde o 1 de outubro dese ano a porcentaxe de participación deste organismo é do noventa por cento correndo o restante dez por cento, cunha participación económica de 3 millóns de euros, a cargo do Concello de Vigo. Desde entón, e tras algunhas modificacións estatutarias, a actividade do Consorcio veuse prolongando en base a sucesivas prórrogas, a última delas en 2017, a piques de finalizar, polo que, de acordo cos procedementos administrativos que rexen a actuación deste tipo de entes, adóptase agora a decisión de solicitar a súa continuidade durante outros catro anos, tempo máximo de vixencia dos convenios interadministrativos.

Por outra banda, na mesma reunión, o Consello de Administración do CCVV aprobou as contas anuais correspondentes ao exercicio 2020 que, de acordo coa normativa contable que rexe as súas actuacións, serán remitidas á Xunta de Galicia para a súa fiscalización

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.