O CCVV rubrica un terceiro convenio financeiro para facilitar o acceso dos adxudicatarios ás vivendas de protección
- A presidenta do organismo, María José Bravo Bosch, asinou hoxe un acordo marco de colaboración coa Kutxabank para a concertación de operacións de crédito cos adxudicatarios das Vivendas de Protección Autonómica (VPA) rehabilitadas polo Consorcio.
- Trátase da terceira entidade financeira en sumarse á iniciativa, pero o compromiso do CCVV e tentar que se sumen outras máis co obxectivo de que estas se comprometan a facilitar o acceso ao préstamo necesario para a compravenda dos seus pisos, en condicións máis vantaxosas.
- As entidades asinantes designarán a unha persoa para coordinar as oportunas operacións financeiras, ao tempo que se creará unha comisión de seguimento do convenio para o seu correcto cumprimento.
- Os 18 adxudicatarios das últimas VPA sorteadas polo CCVV xa se poden beneficiar das vantaxes de dito convenio.
Vigo, 22 de novembro de 2012.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, e Agustín Rodríguez Rodríguez, director comercial da zona noroeste de Kutxabank, asinaron hoxe un convenio marco de colaboración co que se pretende facilitar a concesión de hipotecas aos adxudicatarios das Vivendas de Protección Autonómica (VPA) de prezo concertado rehabilitadas polo organismo e que se seguen a poñer no mercado na actualidade.
Tras a sinatura do convenio na Delegación Territorial da Xunta, Bravo Bosch explicou que se trata do terceiro acordo deste tipo rubricado nos últimos meses, posto que xa o fixeron Novagalicia Banco e BBVA. Coa mesma, preténdese dar resposta ás demandas expostas pola cidadanía e polos propios adxudicatarios das vivendas que teñen coma obxectivo facilitar o acceso e ofrecer condicións máis vantaxosas aos futuros propietarios na obtención do financiamento e a compra das vivendas adxudicadas e rehabilitadas polo Consorcio.
A través do documento asinado esta mañá entre o CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- e Kutxabank, a entidade financeira comprométese a nomear a unha persoa para coordinar as oportunas operacións, ao tempo que se crea unha comisión de seguimento do convenio para o seu correcto cumprimento.
O convenio asinado con Kutxabank ten unha duración dun ano, adquirindo vixencia dende hoxe mesmo e podendo ser prorrogado por idénticos períodos previo acordo das partes.
Bravo Bosch afirmou que seguen as conversas para que outras entidades financeiras súmanse a esta iniciativa impulsada polo CCVV co obxectivo final de que as operacións de compravenda para os adxudicatarios dos pisos sexan máis áxiles e que eles mesmos poidan formalizar as súas hipotecas o antes posible nun contexto de crise económica xeneralizada no que non resulta fácil o acceso ao crédito.
De dito documento se benefician xa os adxudicatarios das últimas 18 VPA sorteadas no pasado mes de xullo por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e cuxas obras xa están rematadas, ademais dos futuros adxudicatarios das promocións que poña á venda o organismo ao longo do ano que ven.