O CCVV licita as rehabilitacións doutros 4 edificios na rúa Ferrería das que sairán 6 novas vivendas e 2 locais comerciais
- O último Comité Executivo do organismo, celebrado esta mesma semana, aprobou dúas novas licitacións para seguir a recuperar a parte alta do Casco Vello. Trátase de dúas novas promocións, Ferrería 10-12 e Ferrería 45-47, nas que se investirán máis de un millón de euros.
- Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), a previsión do CCVV é poder adxudicar ambas obras de rehabilitación ao longo do primeiro trimestre do ano que ven.
- Na actualidade, o CCVV segue adiante coas obras en execución tanto de Ferrería 3-5-7 como de San Sebastián 24-26 (outros 8 pisos e 3 baixos comerciais), e traballa tamén para abrir proximamente o procedemento para o sorteo das 10 VPA xa rematadas, emprazadas no cuarteirón Castelo de San Sebastián (San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7).
Vigo, 13 de decembro de 2014.- Os membros con representación do Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunidos esta semana, deron luz verde a dúas novas licitacións para seguir a recuperar a zona alta do barrio histórico. Trátase doutros 4 edificios ubicados na emblemática rúa Ferrería, concretamente, nos números 10-12 e 45-47, dos que, logo da intervención prevista, se porán no mercado 6 novas Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e 2 locais comerciais.
Unha vez aprobados os pregos de condicións relativos á contratación das obras de rehabilitación de Ferrería 10-12 e Ferrería 45-47 e tras a correspondente publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG), a previsión do CCVV é poder adxudicar ambas intervencións ao longo do primeiro trimestre de 2015.
O presuposto de licitación para a recuperación destes 4 inmobles é dun total de 1.010.003,27 euros (IVE incluído), en concreto, na promoción Ferrería 10-12 o orzamento fixado é de 346.922,70 euros (IVE incluído), mentres que en Ferrería 45-47 ascende á 663.080,57 euros (IVE incluído.
Da actuación integral proxectada para Ferrería 10-12 haberá un so edificio unitario de 2 andares onde se instalarán as 2 novas VPA. O inmoble contará tamén cun soto para o emprazamento de 1 local comercial. En canto á Ferrería 45-47, tras a súa intervención, se porán no mercado 4 pisos de protección (2 andares e baixo cuberta), así como outro local comercial.
Por outra banda, seguen adiante e a bo ritmo as obras de rehabilitación tanto de Ferrería 3-5-7 e San Sebastián 24-26 nas que o CCVV está a investir máis de un millón de euros e das que sairán outras 8 vivendas e 3 locais comerciais máis.
Así mesmo, e proximamente, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) abrirá o procedemento para un novo sorteo de VPA, o quinto dende que o CCVV comezou a súa posta no mercado. Serán as 10 vivendas xa rematadas no cuarteirón Castelo de San Sebastián (San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7) e para poder acceder a elas os interesados terán que estar inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no apartado de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra.
As VPA que serán sorteadas contan cun dormitorio e con superficies que van desde os 46,24 m2 aos 68,20 m2. O prezo da vivenda máis barata é de 67.048,00 euros, mentres que a máis cara é de 109.120,00 euros. Ademais deste novo sorteo, o CCVV aínda ten dispoñibles outros 3 pisos que se poden adxudicar de forma directa. Os interesados tamén teñen que estar inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda nos mesmos apartados que as anteriores.
Balance da actividade Na actualidade, o CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- adquiriu un total de 70 inmobles, dos cales 40 xa foron totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 91 vivendas -74 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos- e 23 locais comerciais -15 xa teñen actividade empresarial, 3 abrirán proximamente, outros 3 sairán a concurso e os outros 2 son os relativos á sede de APEC e ao novo Servizo de Notificacións e Embargos que abrirá nos vindeiros meses-.
Ademais, 10 inmobles foron transmitidos a outras institucións, incluíndo aquí, entre outros, os últimos 3 edificios da Ribeira do Berbés (números 11-13-15) onde a Universidade de Vigo construirá o seu Centro de Linguas, así coma os 4 inmobles adquiridos polo Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España (Real, 29-31-33 e Alta, 26), onde recentemente levaron a cabo o seu traslado para iniciar así a súa actividade neste novo emprazamento.
En total, unhas 60 novas familias residen xa no Casco Vello desde que o organismo comezou a súa oferta de pisos rehabilitados hai agora catro anos.