O CCVV lanza unha campaña para animar á chegada de emprendedores aos novos locais comerciais rehabilitados polo organismo
• A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, María José Bravo Bosch, pediu hoxe aos mozos e mozas emprendedores que aposten polo barrio histórico e presenten os seus proxectos empresariais para continuar coa recuperación e revitalización da zona antiga.
• Coa campaña de promoción presentada esta mañá e que se desenvolverá durante 3 meses, o CCVV quere axudar aos empresarios que xa comezaron a súa andaina no barrio ademais de informar aos futuros novos arrendatarios dos 12 locais comerciais que están dispoñibles para alugar nas rúas Real, Abeleira Menéndez, Cruz Verde, Ferraría e San Sebastián.
• Baixo o lema “Ven ao Casco Vello. Dende agora, o noso comercio no corazón de Vigo”, a campaña centrarase en cartelería, radios ou medios divulgativos e en movemento, coma é o caso da liña de autobús urbano C-1, ademais de utilizar publicidade estática de gran formato na Praza de España e na Travesía de Vigo, dous puntos estratéxicos por onde concorren centos de cidadáns e condutores.
• Tamén se levarán a cabo accións directas de promoción aproveitando importantes eventos que se realicen na cidade, coma será o caso do derbi que enfrontará ao Real Clube Celta co Deportivo este mesmo sábado en Balaídos.
Vigo, 23 de outubro de 2012- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, presentou hoxe unha campaña de dinamización e promoción dos locais comerciais rehabilitados polo organismo para animar aos novos emprendedores a que formen parte activa da recuperación integral do barrio histórico apostando e emprazando a súa actividade empresarial no Casco Vello.
Bravo Bosch, acompañada polo xerente do organismo, Alfonso Ramos, animou aos mozos e mozas a seguir co exemplo doutros emprendedores xa asentados na zona coma é o caso do profesional Javier Teniente que elixiu o Casco Vello para montar a súa galería de arte fotográfica; Montserrat Freire coa súa “Tenda do Avó”, o estudo de arquitectos “Torrado Fernández” ou o establecemento de fotografía “Oruga Express”. Asemesmo recordou que nos vindeiros meses abrirán as súas portas unha tenda de alimentos frescos e exóticos en Abeleira Menéndez, 15, unha consultoría medioambiental en Santiago 11-13-15-17 e un centro de artesanía e de productos de cercanía en Abeleira Menéndez 24-26.
O obxectivo da campaña de dinamización presentada esta maná na Delegación Territorial da Xunta ten um dobre obxectivo. Por unha banda, pretende axudar aos actuais emprendedores nos inicios da súa nova andaina empresarial e, por outra banda, se pretende poñer no mercado e invitar a futuros emprendedores a apostar polos 12 locais comerciais rehabilitados -propiedade do CCVV- que están totalmente dispoñibles e listos para alugar nas rúas Real, Abeleira Menéndez, Cruz Verde, Ferraría e San Sebastián.
Baixo o lema “Ven ao Casco Vello. Dende agora, o noso comercio no corazón de Vigo”, Bravo Bosch explicou que a campaña contará con múltiples actuacións que se prolongarán durante 3 meses e que comezan hoxe mesmo. Haberá cartelería, folletos e merchandising que se entregarán nos propios locais comerciais que xa están abertos e, no caso dos trípticos, tamén en lugares nos que resulte de interese para o futuro emprendedor coma poden ser edificios administrativos, a Cámara de Comercio, entidades bancarias ou a Confederación Empresarial de Pontevedra. Tamén se difundirá a campaña a través de médios divulgativos e em movemento como é o caso da liña de autobús urbano C-1, ademais de utilizar publicidade estática de gran formato no mupi vitrina da Praza de España e no Reloxo-Termómetro de Travesía de Vigo, dous puntos estratéxicos por onde concorren centos de cidadáns e condutores todos os días; as emisoras de radio de gran difusión lanzarán cuñas e tamén se levarán a cabo accións directas de promoción aproveitando importantes eventos que se realicen na cidade. O primeiro será no derbi que enfrontará ao Real Clube Celta co Deportivo este mesmo sábado en Balaídos.
Coa campaña de promoción do CCVV -participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- non só se trata de recuperar a zona histórica, senón participar no fomento do emprego e a recuperación económica.
12 locais á espera de novos proxectos empresariais Así, os novos locais que están dispoñibles e as súas superficies son as seguintes:
-Real, 25 72,17m2
-Abeleira Menéndezs, 18-20 55,18m2
-Abeleira Menéndez 24-26 31,41m2
-Cruz Verde, 5, baixo esquerda 46,10m2 + 27,60m2
-Cruz Verde, 5, baixo dereita 54,70m2 + 13,20m2
-Ferraría, 11 98,80m2
-Ferraría, 25 67,92m2
-Ferraría, 27 72,71m2
-Ferraría, 29 77,30m2
-Ferraría, 31 33,21m2
-Ferraría, 33 52,95m2
-San Sebastián, 8 28,06m2
Estes 12 locais comerciais contan con superficies que van dende os 28,06m2 e os 98,80m2 e importantes vantaxes e beneficios nos contratos de aluguer. Durante os dous primeiros anos de arrendamento os beneficiarios contarán cunha bonificación do 50% do seu importe, co que os prezos mensuais de aluguer oscilarán entre os 180 e os 300 euros. Ademais, os contratos terán unha duración máxima de 5 anos cunha opción de compravenda transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade empresarial.