Asinado o convenio de colaboración polo que o CCVV cederá á Universidade de Vigo tres inmobles da praza do Berbés
- A conselleira de Medio Ambiente asinou un convenio de colaboración polo que se ceden á Universidade de Vigo tres inmobles da praza do Berbés
- A institución académica porá en marcha varias iniciativas, como a apertura dun centro de linguas, o establecemento dun punto de atención e información e a realización de actividades culturais
- A Xunta de Galicia, a través do Consorcio do Casco Vello de Vigo, leva rehabilitado 36 inmobles, supuxo mobilizar preto de 30 millóns de euros
Vigo, 22 de setembro de 2014.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, salientou esta mañá que a chegada da Universidade ao Casco Vello de Vigo representa un punto de inflexión na recuperación definitiva da antiga ribeira do Concello de Vigo. Así o manifestou esta mañá durante a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Universidade de Vigo, polo cal se lle ceden gratuitamente tres edificios á Universidade, co fin de que abra unha sede institucional.
Engadiu que “a fachada do Berbés é a porta de entrada á cidade antiga, polo que coa chegada desta institución educativa ao centro de Vigo, a recuperación da fachada marítima xa non ten marcha atrás”.
Ethel Vázquez salientou que “a determinación política e o noso compromiso no desenvolvemento desta cidade foron decisivos para unir a necesidade da Universidade de Vigo dunha sede no centro urbano coa nosa dispoñibilidade de tres edificios no Berbés”. Unha oportunidade que primeiro tivo que pasar pola ratificación da cesión, apostar pola recuperación da fachada do Berbés e adquirir os inmobles por un investimento de un millón de euros, que xunto coa dotación de equipamento e rehabilitación, o orzamento elévase a máis de 3 millóns de euros.
Ethel Vázquez destacou que “cada euro investido nesta cidade paga a pena, pois cada euro que contribúa a mellorar a calidade de vida dos cidadáns é un investimento de futuro e en Vigo”. Salientou que “nesta cidade hai varios exemplos de oportunidades, como son as actuacións de recuperación no Casco Vello, que permitiu a rehabilitación de 36 inmobles cun investimento de 30 millóns de euros”.
Recordou que “hai 10 anos, cando o actual presidente da Xunta era conselleiro, da man da Zona Franca e do Concello, deuse o primeiro paso para construír o Consorcio do Casco Vello de Vigo, co obxectivo de recuperar a zona histórica da cidade, que estaba degrada dun xeito importante e que facía que a cidade máis grande de Galicia non tivera o casco histórico que realmente merecía”.
Tamén destacou outras actuacións da Xunta de Galicia que poñen en valor o compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo e os seus cidadáns, polo que citou as obras de saneamento, coa nova depuradora do Lagares, que estará rematada a finais do ano que vén cun investimento de 230 millóns de euros; a mellora da mobilidade dos veciños que virá da man da posta en marcha da implantación en Vigo do Plan de Transporte Metropolitano; e o novo hospital de Vigo, a obra sanitaria máis grande de España na actualidade.
Inmobles 11, 13 e 15 da praza do Berbés O convenio asinado esta mañá establece a cesión gratuíta dos inmobles 11, 13 e 15 da praza do Berbés á Universidade de Vigo, que obterá un dereito de superficie por un prazo de 40 anos. A institución académica construirá o edificio para albergar as súas instalacións, de acordo co PEPRI e no prazo de 3 anos. Unha vez se produza a reversión do inmoble, este deberá estar en perfecto estado de conservación, uso e funcionamento.
A Universidade de Vigo dispón desta zona para abrir unha sede institucional permitindo intensificar as relacións co tecido empresarial, cultural e social da cidade e para poñer en marcha varias iniciativas en beneficio da cidadanía, como a apertura dun centro de linguas, un punto de información e atención ao cidadán e á comunidade universitaria e para a realización de actividades culturais.