O CCVV adxudica as obras de Ferraría 33-35, onde se rehabilitarán 4 novas vivendas de protección autonómica
- O Comité Executivo celebrado hoxe deu luz verde á contratación das obras de recuperación de dous edificios da rúa Ferraría –nos números 33 e 35- por un importe de 466.203,70 euros (sen IVE) e que foron adxudicadas á empresa Dicsa.
- Logo do baleirado xa feito do inmoble, que se atopaba nun estado total de ruína e abandono, as obras de rehabilitación comezarán neste mesmo mes de maio.
-
A adxudicataria ten un prazo de execución de 11 meses, co que o inmoble reformado poderá estar listo durante a primavera do vindeiro ano.
-
A actuación do organismo nesta nova promoción permitirá poñer no mercado outras catro vivendas de protección autonómica (VPA) dun e tres dormitorios –dous pisos serán dúplex-, cunhas superficies que van entre os 47,25 metros cadrados e os 88,35 metros cadrados. Os prezos oscilan entre os 83.808,27 euros o máis barato e os 156.708,16 euros o máis caro.
-
Xunto aos catro pisos de protección autonómica, o CCVV tamén rehabilitará un local comercial de 52,95 metros cadrados na parte baixa do inmoble.
Vigo, 07 de maio de 2012.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) aprobou hoxe no seu Comité Executivo a adxudicación das obras de rehabilitación de Ferraría 33-35 tras a que se porán no mercado outras 4 vivendas de protección autonómica (VPA), así coma un local comercial. A intervención está prevista que comece neste mesmo mes de maio e se estima que o inmoble estea totalmente recuperado na primavera do vindeiro ano.
O importe de adxudicación das obras de rehabilitación ascende a un total de 466.203,70 euros (sen IVE) e será Dicsa a empresa encargada da reforma destes dous novos inmobles na emblemática rúa Ferraría, nos números 33 e 35. Na actualidade, xa se baleirou o interior dos dous edificios que se atopan nun estado total de ruína e abandono.
Da actuación do organismo –participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello- sairán outros catro pisos de protección autonómica dun e tres dormitorios –dous deles serán dúplex-, cunhas superficies que van entre os 47,25 metros cadrados e os 88,35 m2. Os prezos oscilan entre os 83.808,27 euros o máis barato e os 156.708,16 euros o máis caro.
Xunto a estes catro pisos, o CCVV tamén rehabilitará na parte baixa do inmoble un local comercial de 52,95 metros cadrados.
Aberto prazo para sorteo de 18 VPA Tras a adxudicación dun total de 34 VPA nos últimos meses e que fixo realidade a chegada de 30 novas familias ao barrio histórico, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ten aberto nun novo procedemento para poder participar no sorteo doutros 18 pisos rehabilitadas polo Consorcio.
As persoas interesadas en facerse con algunha destas novas vivendas teñen de prazo ata o vindeiro 15 de maio para formalizar a súa inscrición en dito sorteo. As 18 VPA se atopan nas rúas San Sebastián, Ferraría e Hortas, todas elas na parte alta do barrio antigo. Teñen entre 1 e 3 dormitorios e uns prezos que oscilan entre os 77.139,08 euros e os 193.158,11 euros. É a primeira vez que o CCVV pon no mercado vivendas de 3 habitacións.
Os interesados deben estar inscritos previamente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, no apartado de compra. A partires de agora, as persoas interesadas teñen que presentar a solicitude concreta para poder participar no sorteo dalgunha destas tres promocións -ou mesmo nas tres- mediante escrito dirixido ao rexistro e cuxo modelo xa poden atopar na páxina web do IGVS, na do CCVV ou na Delegación Territorial da Xunta.
As 18 vivendas correspondentes a esta nova fase de adxudicación que pon en marcha o CCVV están nestes momentos en plena execución das súas obras e estímase que estean rematadas coma moi tarde, durante o período estival. Son as seguintes:
-Ferraría 11-13-15-San Sebastián 1- 3-5-7:
9 vivendas: 4 dun dormitorio, 3 de 2 dormitorios e 2 de 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,60 m2 e 108,90 m2 e os prezos oscilan entre os 100.392,55 euros e os 193.158,11 euros.
-Hortas 10-12:
5 vivendas: 3 de 2 dormitorios e 2 dun dormitorio. As superficies van dende os 66,67 m2 e 107,89 m2 e os prezos oscilan entre os 118.253,91 euros e os 191.366,65 euros.
-San Sebastián 8-12-14:
4 vivendas: 2 dun dormitorio+rocho e 2 de 2 dormitorios+rocho. As superficies van dende os 43,49 m2 e os 75,52 m2 e os prezos oscilan entre os 77.139,08 euros e os 133.951,33 euros.