Montserrat Freire: “Buscaba algo diferente no que implicarme e montei A Tenda do Avó”
O vindeiro mes de maio cumprirá os seus dous primeiros anos como emprendedora ao fronte de A Tenda do Avó un espazo onde atopar produtos ‘made in Galicia’ coma exquisitas marmeladas de mel, algas, conservas do mar e da horta, pero tamén froitas e verduras de temporada, pan, viño, licores, cervexas, aceite e cosmética, entre outros atractivos. Falamos de Montserrat Freire, a dona duns dos locais comerciais máis emblemáticos da rúa Abeleira Menéndez, concretamente, no número 11.
“Buscaba facer algo diferente e interesábame moito o mundo da alimentación”, afirma a propietaria de A Tenda do Avó, quen recoñece que facelo nunha zona coma o Casco Vello foi toda unha aposta. Pese as dificultades do tempo actual de crise e “das horas que un negocio pequeno como o meu necesita”, Montserrat confesa sentirse parte da nova imaxe que proxecta xa o casco histórico.
En canto ao rexurdir do barrio, no que ten moito que ver a labor que desenvolve o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e que, no caso dos locais comerciais, ségueos sacando ao mercado en réxime de aluguer coma o que rexenta Montserrat, “aínda existen cousas que hai que cambiar”. Refírese á presenza nalgúns puntos do exercicio da prostitución que, na súa opinión, aínda dificulta que moitos vigueses e viguesas decidan percorrer pola zona alta do Casco Vello.
Non obstante, Montserrat confía que dito “problema” desaparecerá grazas non só a iniciativas coma a súa senón tamén aos novos veciños que seguen achegándose ao barrio, moitos deles clientes fieis de A Tenda do Avó, como é o caso de Miguel ou Lorena, adxudicatarios de sendas Vivendas de Protección Autonómica (VPA) rehabilitadas polo CCVV onde residen, na propia rúa Abeleira Menéndez.
Miguel Juiz, adxudicatario dunha VPA en Abeleira Menéndez.
Lorena Guzmán, outra adxudicataria dunha VPA en Abeleira Menéndez.
Segundo Montserrat, veciños como Miguel ou Lorena xunto ao resto dos comerciantes “acabamos facendo e construíndo o noso barrio”.
Puri e Nuria, clientes habituais de A Tenda do Avó.
Se aínda non coñecedes A Tenda do Avó desde aquí convidámosvos a facelo. Produtos galegos, artesáns e ecolóxicos espéranvos. Tamén hai posibilidade de pedidos telefónicos a domicilio e de cestas para agasallos. Non volo perdades!