López-Chaves agradece aos arquitectos e ao COAG o premio Gran De Area recibido pola rehabilitación en San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7
- O presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, foi o encargado de recoller o prestixioso galardón durante o acto celebrado na nosa cidade e no que tamén estiveron presentes os arquitectos da intervención arquitectónica, Javier Franco e Vicente Pintos
- O premio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) supón un novo recoñecemento ao bo facer do organismo no que a recuperación dos espazos urbanos no Casco Vello se refire
- Non é a primeira vez que unha intervención integral do CCVV é recoñecida, xa en 2011 un total de 5 rehabilitacións fixéronse con galardóns Gran De Area do COAG e tamén en 2013 co outro máis. Ademais, hai dous anos o cuarteirón Ferrería-San Sebastián recibiu o premio nacional da XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU)
Vigo, 21 de novembro de 2015-. O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, valorou moi positivamente o galardón outorgado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) pola rehabilitación levada a cabo na promoción San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7 no marco dos Premios Gran de Area 2015.
López-Chaves foi o encargado de recoller o recoñecemento nun acto no que estivo acompañado polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, e os arquitectos encargados da intervención arquitectónica na parte alta do barrio histórico, Javier Franco e Vicente Pintos.
Na súa intervención, agradeceu aos arquitectos encargados de dita rehabilitación e aos membros do COAG o premio pero fixo extensivo este agradecemento a todos os arquitectos “que formaron, forman e formarán parte” das recuperacións levadas a cabo polo Consorcio. Ademais, lembrou que a imaxe actual do casco histórico nada ten que ver xa coa visión que se tiña da zona hai moitos anos.
Aínda así, considerou que o traballo non rematou agradecendo así o labor que o CCVV realiza de xeito diario. “Trátase dun traballo de rehabilitación silencioso que agora comeza a ver os seus froitos con impresionantes resultados”, dixo.
Os arquitectos de San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7 concibiron na obra agora premiada catro edificios deseñados como un lugar aberto dotado de mobles modulares que permite aos seus actuais propietarios organizar o seu interior ao seu gusto, separando os espazos en función das súas necesidades. “O resultado da intervención foi espectacular”, considerou o presidente lembrando que 9 das 10 vivendas resultantes “xa están habitadas”.
Tras a súa actuación arquitectónica, na que o CCVV investiu máis de 1,3 millóns de euros, puxéronse no mercado outras 10 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e 2 locais comerciais recentemente adxudicados para a implantación de proxectos empresariais.
Outros recoñecementos do CCVV Non é primeira vez que unha rehabilitación del CCVV é recoñecida polo COAG, xa no 2011 o organismo –participado nun 90% pola Xunta en un 10% polo Concello- recibiu un total de 5 premios Gran de Area ás intervencións de Real, 16; Santiago 11-13-15-17; Abeleira Menéndez 24-26; o cuarteirón Ferrería-San Sebastián e Hortas 10-12.
Ademais, no 2013 o CCVV foi o gañador doutro premio Gran De Area pola rehabilitación xa acabada do cuarteirón Ferrería-San Sebastián. Precisamente, esta intervención na zona alta do Casco Vello por parte dos arquitectos Perfecto Cendón e Javier Vázquez recibiu tamén hai dous anos 2013 o prestixioso premio da XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU), na categoría de revitalización e transformación do centro urbano.