A aprobación do proxecto básico supón a posta en marcha da nova promoción do Consorcio Rúa Alta 8-14
Crearanse cinco novas vivendas na primeira actuación do Consorcio nesta rúa
O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez , aprobou o proxecto básico de execución da súa próxima promoción Alta 8-14, que supoñerá a creación nun futuro próximo de 5 novas vivendas.
O proxecto foi elaborado polo arquitecto Javier Vázquez Fernández, cun orzamento de execución de 1.427.958,87 € según a proposta aprobada hoxe. As vivendas resultantes desta intervención destinaranse á venda baixo a cualificación, como todas as promovidas polo CCVV, de Vivendas de Protección Autonómica (VPA) de Prezo Concertado. Construiranse sobre a agrupación de catro solares adquiridos polo CCVV en decembro de 2021, e supoñerán a primeira intervención do Consorcio nesta rúa, moi próxima á Porta do Sol.

De acordo con a ficha técnica da promoción, o edificio resultante contará con cinco vivendas distribuídas en catro plantas. A primeira delas, a única con dous dormitorios xa que todas as demais terán tres, ocupará a planta baixa e terá unha superficie aproximada de 90 metros cadrados. As plantas primeira e segunda acollerán cada unha delas unha vivenda de 113 metros cadrados, en tanto que na terceira crearanse dúas residencias, unha de 93 e outra de 70 metros cadrados. Todas elas contarán con rocho.
Elduayen 31
Por outra banda, o Consello de Administración do CCVV, reunido con anterioridade á celebración do comité citado, abordou a posta en marcha da adxudicación, mediante o procedemento de adxudicación directa, do local comercial dispoñible no número 31 da rúa Elduayen tras a rehabilitación por parte do Consorcio deste edificio.