Juan Teixeira: “Oxalá o Casco Vello alto se converta pronto no soho vigués”
Acaba de abrir as súas portas na rúa Cruz Verde, número, 5, e xa destaca polo seu deseño e cor. Falamos de Vigo Remember ou como lle gusta denominalo ao seu dono, Juan Teixeira, “un furancho das artes” onde comeza a non ter cabida a imaxe dunha Ferraría intransitable e convídanos a descubrir que algo está a cambiar.
Aos seus 30 anos, o fillo do pintor Mingos Teixeira, aposta firmemente polo noso barrio histórico desde onde dirixe xa a súa propia galería de arte con Vigo e Galicia como referente de atracción turística e dando espazo á colegas creadores a través da escultura, a pintura ou a fotografía.
Vigo Remember nace como punto de encontro para todo tipo de eventos culturais como recitais de poesía, obradoiros ou actuacións musicais. O patio ao aire libre co que conta este local -rehabilitado polo Consorcio Casco Vello de Vigo– ofrecerá, sen dúbida, grandes momentos intelectuais que agradamos non perdernos.
Entre as novas técnicas das que podemos gozar na galería de Teixeira, o selo digigraphie que se traduce na reprodución exacta dixital coa que poderemos levarnos a nosa casa obras de arte a prezos moito máis alcanzables.
“Oxalá o Casco Vello alto se converta pronto no soho vigués”, sinala o artista, un namorado da zona histórica e das súas posibilidades que ofrece na actualidade. Valora positivamente a labor que segue a desempeñar o Consorcio Casco Vello -participado nun 90% pola Xunta en un 10% polo Concello- no que a dinamización e revitalización se refire e confía en que a “nova zona cultural” que se está a crear acabe, para sempre, cos clubes de alterne que aínda existen, sen ir máis lonxe, na súa propia rúa.
Convencido do potencial que o Casco Vello pode ofrecer a Vigo, anima ao resto dos artistas e novos emprendedores que se sumen ao cambio total que está a vivir, día a día, o noso corazón da cidade.