Juan Cal: “A xente quere revitalizar o Casco Vello dándolle vida e con ganas de facer cousas novas”
Tiveron que pasar seis anos desde a súa primeira rehabilitación no Casco Vello, nun inmoble da rúa Oliva, para emprazar finalmente a súa empresa de reformas e servizos integrais no barrio. Falamos de Juan Ramón Cal, o xerente de Cal Construcciones y Servicios, outro dos emprendedores que apostaron pola emblemática Ferraría, trasladando hai pouco o seu negocio ao número 31.
O seu local é outro dos baixos comerciais posto no mercado en réxime de aluguer polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV). Ademais de novo ‘inquilino’ no barrio, Juan Ramón levou a cabo distintas rehabilitacións impulsadas polo organismo como foron Espacio Nido e Ideas de Percebe –tamén na rúa Ferraría–, Vigo Remember e Hermes Sistema S. L. –na rúa Cruz Verde– e, por suposto, a da súa empresa.
Juan Ramón, que traballa man a man con Sebastián Torres, o arquitecto da empresa, considera que a recuperación do barrio histórico vai polo bo camiño. “A xente quere revitalizar o Casco Vello dándolle vida e con ganas de facer cousas novas”, sinala, ao tempo que asegura que ese cambio vai máis alá das propias rehabilitacións. Na mesma liña móstrase Sebastián quen pensa que “é fundamental que as persoas novas queiran vivir e traballar no barrio”.
Ambos os dous saben do que falan, xa que o 60 por cento dos proxectos que están a desempeñar en Cal Construcciones y Servicios execútanse no barrio histórico. No caso de Sebastián congratúlase de estar formando xa parte do Casco Vello porque “trátase dunha zona estratéxica”.
Para Juan Ramón o cambio, sobre todo, da parte alta do Casco Vello é bastante importante, “se o comparamos con fai catro ou cinco anos o salto foi moi grande”. Non obstante, tanto Juan Ramón como Sebastián comentan que “aínda falta para que os vigueses se sentan orgullosos”, pero que se a recuperación segue adiante será posible.
Aproveitaron os dous o espazo neste blog para valorar positivamente as facilidades do Consorcio no que acceso á un local en réxime de aluguer se refire, pero consideran que o desconto do 50% durante os dous primeiros anos de contrato podería ampliarse. “Estaría ben que o prezo se axuste á realidade de crise actual”, manifesta Sebastián.
Juan Ramón e Sebastián son os últimos en aterrar no corazón da nosa cidade, pero nos vindeiros meses irán abrindo outros negocios como unha tenda de roupa punk e un obrador de pan na mesma Ferraría, ademais dun despacho de pan na rúa Real. Alí estaremos para contarvos todos os detalles dos seus primeiros pasos.