Javier Teniente: “A zona con máis encanto da cidade é o noso Casco Vello e a miña galería de arte tiña que estar aquí”
Non necesita presentación na nosa cidade. O fotógrafo Javier Teniente ten sobre as súas costas unha dilatada traxectoria profesional e, desde hai preto de dous anos, comparte o mellor da mesma na súa galería de arte, un sorprendente espazo artístico emprazado en pleno Casco Vello, onde o visitante pode viaxar arredor do mundo a través da mirada do artista.
JT Photo Gallery, no número 13 da renovada rúa Abeleira Menéndez, mostra á perfección a intensidade das ducias de viaxes realizadas polo artista, quen recoñece que cando soubo que o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) ía a pór os primeiros locais comerciais rehabilitados no mercado “non o pensei e solicitei facerme cun deles”.
“Levaba moito tempo querendo montar un espazo propio”, sinala Javier, ao tempo que asegura que “a zona con máis encanto da cidade é o noso Casco Vello e, por iso, a miña galería de arte tiña que estar aquí”. Pese a ser un convencido de que o rexurdir do barrio histórico vai por bo camiño e que non ten marcha atrás, lembra que cando se asentou na rúa “Abeleira Menéndez era unha zona escura, aínda que fora de día”.
Refírese aos clubes de alterne que aínda subsisten tanto na súa rúa coma na lindeira Cruz Verde e que, na súa opinión, “se ben cada vez hai menos, aínda queda moito por facer para a súa desaparición do barrio histórico”. Segundo o fotógrafo, “os estamentos teñen que facer máis para atallar este problema da prostitución, non vale só coa vida que damos os comerciantes e os veciños”.
No que respecta ao día a día do Casco Vello, Javier desexa que a súa parte alta e a baixa traballen máis unidas e que, por exemplo, na vindeira Festa da Reconquista os tradicionais postos poidan instalarse tamén no entorno da Ferraría.
Para os que non coñezades aínda á JT Photo Gallery convidámosvos a que o fagades. O visitante poderá gozar non só das obras do seu autor, senón da tranquilidade que ofrece o seu patio interior ao aire libre onde outros artistas tamén mostran habitualmente os seus traballos.
Fotografías cedidas por Javier Teniente.