Ideas de Percebe, creadores de ideas no Casco Vello
Nun primeiro momento Alberto Badía, Carlos Martí e Lisi González dubidaron en chamarse Ideas de Suicidas, pero finalmente gañou Ideas de Percebe, unha axencia de deseño creativo que, desde principios deste mes de xuño, opera no número 8 da rúa San Sebastián, noutro dos locais comerciais rehabilitados polo Consorcio Casco Vello de Vigo e posto no mercado en réxime de aluguer.
De esquerda a dereita: Lisi González, Carlos Martí e Alberto Badía.
A culpa do nome, Ideas de Percebe, é dun dos dous socios, concretamente de Carlos, que reside en Madrid e que, segundo o outro fundador, Alberto, “cada vez que ven á Vigo os percebes desaparecen”. E é que a oficina creativa física atópase en pleno casco histórico. Aquí traballan a diario tanto Alberto coma Lisi, pero as novas tecnoloxías permiten a Carlos tamén formar parte máis que activa neste proxecto a 600 quilómetros.
De feito, durante este encontro con Alberto e Lisi tamén puidemos coñecer vía Skype a Carlos, quen sinala que montar a axencia no Casco Vello foi todo un acerto: “Desexamos que o barrio se renove”.
Na mesma liña móstrase Alberto que considera que a parte alta do Casco Vello comeza a ser “unha importante zona cultural” da nosa cidade. En dita parte alta xa están instalados outros emprendedores como os fotógrafos Javier Teniente, Juan Teixeira, Perfecto Rueda, ou a empresa de coworking Espacio Nido, entre outros. Todos eles dotaron de arte as rúas máis emblemáticas do barrio histórico.
Ao igual que o resto, os artífices de Ideas de Percebe aseguran ser “uns valentes” por montar o seu negocio nun dos peores anos da crise económica, pero, precisamente, “nestes momentos complicados o que toca é reinventarse e, por iso, estamos aquí”, sinala Alberto.
Ideas de Percebe chega ao barrio para quedarse e, sobre todo, para crear boas ideas. Na actualidade ten enriba da mesa varios proxectos a nivel estatal e outro dunha empresa de Bruselas, pero aínda non queren dar máis pistas.
En canto á oferta dos baixos comerciais impulsados por parte do Consorcio para seguir dinamizando unha zona degradada durante décadas atrás, Alberto ve “positivo” o desconto do 50% durante os dous primeiros anos de aluguer, xa que, na súa opinión, non existen moitas axudas para os traballadores autónomos.
Animámosvos a que vos deixedes caer polas instalacións de Ideas de Percebe e descubrir a súa creatividade que é moita.