O CCVV solicita o inicio do proceso de selección de adxudicatarios para San Francisco, 15

  • Tamén se acordou a adxudicación das obras da promoción Subida ao Castelo, 9

 

Alzados do proxecto de construción en San Francisco, 15.

Vigo, 29 de abril do 2021.-  O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Marta Mª. Fernández-Tapias Núñez, delegada da Xunta de Galicia en Vigo, aprobou a posta en marcha do proceso de adxudicación das dúas vivendas que resultarán do proceso de rehabilitación do edificio situado na rúa San Francisco, número 15, na contorna da praza do Berbés. Para ese efecto o CCVV dirixirase ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para que inicie o proceso de selección de adxudicatarios destas dúas vivendas, cualificadas provisionalmente como de Vivendas de Protección Autonómica ( VPA) para venda de prezo concertado. A solicitude establece os prezos de ambas as vivendas, fixados en 188.000 euros para o dúplex que ocupará as plantas baixa e primeira –cunha superficie útil de 110,54 metros cadrados- e en 210.000 euros para o que ocupará a segunda e terceira planta, cunha superficie útil de 119,65 metros cadrados. En ambos os casos estes prezos propostos son inferiores aos prezos máximos de venda que cabería aplicar en función das características de ambas as vivendas.

O edificio San Francisco, 15  foi adquirido polo Consorcio Casco Vello de Vigo, organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun dez por cento polo Concello de Vigo, en setembro de 2018. A planta baixa e as tres plantas da edificación orixinal, construídas sobre unha parcela de 70,91 metros cadrados, atopábanse en moi mal estado polo que o CCVV tivo que proceder ao seu baleirado interior ata a posta en marcha da súa rehabilitación no verán de 2020. Co obxectivo de lograr o maior aproveitamento posible do espazo dispoñible o proxecto elaborado polo arquitecto Rafael Cabeza Rey- Stolle contempla accesos separados para ambas as vivendas; a situada nas plantas inferiores terá a súa entrada nun vial lateral que une as rúas San Francisco e Poboadores, en tanto que ao dúplex situado nas plantas segunda e terceira accederase desde esta última rúa. Ambas as residencias terán 3 dormitorios, salón-comedor-cociña, un baño, un aseo e un lavadoiro- tendal. Así mesmo contarán cun pequeno balcón cara á rúa San Francisco.

 

Infografía de Subida ao Castelo, 9.

Outro punto abordado nesta reunión ordinaria do órgano de dirección do CCVV foi a solicitude por parte do Concello de Vigo da cesión de locais comerciais non ocupados en distintas promocións do Consorcio, solicitude que, por criterios técnicos, foi desestimada.

 Comité executivo

Con anterioridade á reunión do Consello de Administración celebrouse un Comité Executivo que aprobou dous acordos. O primeiro deles foi a adxudicación das obras da promoción Subida ao Castelo, 9 que serán executadas pola empresa Comidiseño Reformas de Locales y Viviendas S.L. A súa oferta foi considerada a máis vantaxosa entre as nove presentadas para optar a esta rehabilitación que, cun importe de 287.644,44 –ive incluído- permitirá crear dúas novas vivendas na zona alta do Casco Vello.

O segundo acordo adoptado foi a modificación do proxecto de rehabilitación do edificio situado en Elduayen, 31 o que permitirá en breve a posta en marcha das obras de recuperación deste céntrico edificio.

 

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.