CONCEDIDA A LICENZA URBANÍSTICA PARA A PROMOCIÓN “SUBIDA A COSTA, 5”

A Concellería de Urbanismo do Concello de Vigo acaba de outorgar licenza de reestruturación para iniciar o proceso de rehabilitación dunha nova vivenda do barrio histórico vigués, en concreto a situada na rúa Subida a Costa, 5.

A licenza autoriza ao Consorcio Casco Vello a reestruturación deste edificio para xerar  unha vivenda situada en planta baixa e planta primeira e un local comercial  en planta baixa e semisoto, cunha superficie total construída de 239,63 m2.

A obra autorizada, a partir do proxecto básico e de execución redactado polo arquitecto José Luis Díaz Mateo, conta cun orzamento de 201.276,08 euros.

A actuación realízase nunha parcela cualificada como chan urbano consolidado dentro do PEPRI Casco Vello de Vigo. De acordo con esta cualificación se consideran  como elementos a protexer na execución do proxecto as fachadas de pedra do  edificio,  prohibíndose a alteración dos seus materiais e carpinterías exteriores.

A licenza establece a obrigación de demoler un anexo realizado no patio exterior do edificio. Previamente á súa concesión, e de acordo coa normativa sectorial, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, realizáronse as preceptivas catas arqueolóxicas, sinalando este organismo que o proceso de construción non debe ser sometido a ningún control posterior deste tipo.

Esta actuación en Subida a Castelo, 5 supón un novo paso no proceso de rexeneración do antigo barrio amurallado de Vigo, iniciado fai xa dez anos polo Consorcio Casco Vello de Vigo, que supuxo un investimento superior aos 30 millóns de euros para a adquisición e rehabilitación de vivendas. Este labor, especialmente visible na denominada zona alta do Casco Vello, foi recoñecida con numerosos premios como, por exemplo,  o outorgado pola Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo en 2013.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.