Comeza o proceso de baleirado interior de San Francisco 15

Vigo, 9-05-2019.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) iniciou recentemente as obras de baleirado interior da vivenda situada no número 15 da Rúa San Francisco, nas proximidades do Berbés, que foi adquirida por este organismo o 13 de setembro do pasado ano. Esta decisión tomouse ante o mal estado de conservación desta centenaria construción, que ameazaba tanto á súa propia estrutura como a vivendas próximas. O proceso de demolición respectará, como é preceptivo segundo a normativa do PEPRI que rexe nesta contorna, as fachadas, que deberán integrase no seu día no proxecto de rehabilitación deste edificio.

O edificio foi construído a principios do século XX.

O edificio está situado sobre unha leira de 70,91 metros cadrados de superficie; dividido en catro plantas ( baixa e tres alturas) ten unha superficie construída de 318 metros cadrados, incluíndo un resalido no seu parte posterior. Conta con dúas fachadas, a que se abre cara á rúa San Francisco e outra posterior pora rúa Caramuxo. Construído cara a 1900,foi obxecto de diversas actuacións como a adición dunha terceira planta ao seu deseño orixinal ou a modificación do tamaño dos ocos da súa fachada para mellorar o acceso a un local comercial, sen actividade desde fai tempo.

A súa ficha do Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello de Vigo recolle como elementos destacados do edificio a carpintería exterior, os balcóns e varandas, a porta do edificio na planta baixa e a fachada de pedra cara á rúa San Francisco, que deberán ser conservados ou repostos ao seu estado orixinal no momento da súa rehabilitación. Este mesmo documento recolle a necesidade de mellorar o aspecto da fachada posterior, realizada con materiais de moi baixa calidade.

Mais intervencións

Na actualidade o CCVV realiza varias intervencións máis nas proximidades desta vivenda; a máis notable delas é a rehabilitación da promoción Berbés 41 na que xa se están realizando tarefas preparatorias para o arranque definitivo das obras. Así mesmo atópanse moi avanzados os traballos da que será a sede da Universidade de Vigo na cidade, que se acometen noutro edificio da Praza do Berbés, cedido polo CCVV ao organismo educativo.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.