Os emprendedores do Casco Vello, parte esencial da revitalización do barrio (parte 2 de 2)

Cambiamos de lugar para visitar a rúa Santiago, outra das que máis locais acolle. Concretamente foron tres os emprendedores que se instalaron no barrio: Oruga Express, a Editorial Elvira e Torrado&Fernández Arquitectos.

Perfecto Rueda foi un dos primeiros emprendedores que, sen dubidalo, montou o seu negocio no Casco Vello de Vigo. Era o ano 2011 e o Consorcio comezaba a poñer en aluguer os primeiros locais rehabilitados. Así naceu Oruga Express, un espazo artístico en pleno barrio histórico, concretamente no número 19 da rúa Santiago.

Casco Vello Vigo

Oruga Express

Pero tamén Torrado&Fernández Arquitectos se animaron nese ano a emprazar o seu negocio nun local rehabilitado. Juan Carlos Torrado e Ricardo Méndez levaban anos en Abeleira Menéndez, ata que decidiron mudarse ao 15 da rúa Santiago e seguir co seu negocio noutro punto do barrio.

Casco Vello Vigo

Torrado&Fernández Arquitectos

A Editorial Elvira completa este trío de negocios da rúa Santiago. O número 11 convértese así nun lugar de reunión cultural, con esta editorial dedicada á poesía, ao libro de autor e á literatura en xeral.

Uns dos últimos emprendedores que decidiron seguir co seu negocio nun local rehabilitado polo Consorcio son Ideas de Percebe. Esta axencia de publicidade opera desde o pasado mes de xuño no número 8 da rúa San Sebastián e ven a rematar de encher de creatividade o barrio histórico. Tanto, que nos poucos meses que levan formando parte do barrio, conseguiron xa un gran crecemento.

Casco Vello Vigo

Ideas de Percebe

E desde o pasado 31 de outubro contamos tamén no Casco Vello cunha tenda de roupa punk: La Rocka, capitaneada por Cristina Soutullo e Natalia Correa. Foron as últimas emprendedoras en abrir o seu negocio nun dos locais rehabilitados polo Consorcio, concretamente, no número 33 de Ferrería.

Casco Vello Vigo

La Rocka

Pero ademais destes emprendedores que xa abriron os seus negocios no Casco Vello, outros moitos teñen xa os seus locais asignados e están a traballar para poñelos a punto e inauguralos en canto antes; contarémosvos todo neste blog.

Se algún de vós tamén está pensando en abrir o seu propio negocio ou trasladalo ao centro histórico, desde o Consorcio Casco Vello de Vigo estaremos encantados de escoitar todas as propostas para revitalizar e recuperar a zona vella. O Consorcio conta con locais comerciais en aluguer que pon a disposición dos emprendedores con importantes vantaxes e bonificacións durante os dous primeiros anos de arrendamento.

As persoas interesadas nos locais comerciais rehabilitados polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) teñen que presentar nas oficinas do organismo -na Praza da Princesa, número 7, 1º dereita, no horario de 9-14 horas, de luns a venres- unha memoria detallada do proxecto empresarial a desenvolver.

Durante os dous primeiros anos de arrendamento o adxudicatario contará cun desconto do 50% do seu prezo. O contrato de aluguer terá unha duración máxima de 5 anos, cunha opción de compravenda transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade a desempeñar.

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter