Bravo Bosch visita Ideas de Percebe, un dos últimos locais comerciais rehabilitados polo CCVV e que forma parte dos 14 que xa contan con actividade empresarial
-
A presidenta do organismo, María José Bravo Bosch, agradeceu a aposta dos tres novos emprendedores que montaron esta axencia de deseño creativo na rúa San Sebastián, coa que se suman á dinamización e revitalización da zona alta do barrio histórico.
-
Como o resto dos 19 locais comerciais postos no mercado en réxime de aluguer, Ideas de Percebe conta cun desconto do 50% do seu prezo durante os dous primeiros anos de arrendamento.
-
No vindeiros meses, a estes 14 negocios con actividade empresarial uniranse outros 5 máis que xa están en proceso para comezar o seu funcionamento nas rúas Cruz Verde, Ferrería, Abeleira Menéndez e Real.
Vigo, 11 de xullo de 2014.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, visitou hoxe Ideas de Percebe, unha axencia de deseño creativo que xa está aberta no número 8 da rúa San Sebastián. Trátase dun dos últimos locais comerciais rehabilitados polo organismo e posto no mercado en réxime de aluguer e que forma parte dos 14 novos proxectos empresariais que contan xa con actividade na zona antiga.
Acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, Bravo Bosch agradeceu aos tres emprendedores que están detrás de Ideas de Percebe por apostar pola parte alta do barrio histórico, en concreto, pola emblemática rúa San Sebastián “o primeiro dos moitos negocios que esperamos ter nesta mesma rúa”.
A presidenta do CCVV -participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- lembrou que das primeiras actuacións de rehabilitación levadas a cabo por parte do Consorcio saíron un total de 21 locais comerciais, 19 deles para emprendedores e outros 2 máis para a instalación de distintas institucións -a sede da Asociación Provincial de Empresarios da Construcións da Provincia de Pontevedra (APEC) en Real, 16, e a futura Oficina de Notificacións e Embargos, en Abeleira Menéndez, 24-.
Na actualidade, deses 19 baixos comerciais para emprendedores e coa apertura desta nova axencia de deseño visitada esta mañá, xa son 14 os que xa funcionan, mentres que os outros 5 están en proceso para proceder a súa apertura nos vindeiros meses. No obstante, se hai persoas interesadas en alugar e montar o seu negocio no Casco Vello terán oportunidade tamén nos vindeiros meses porque “teremos outros 6 locais máis que sacaremos a concurso e que sairán das rehabilitacións que temos en marcha neste momentos na zona alta do barrio histórico nas rúas San Sebastián, Ferrería e Subida ao Castelo”, sinalou Bravo Bosch.
A oferta de locais comerciais rehabilitados polo CCVV presenta unha importante vantaxe para os emprendedores xa que durante os dous primeiros anos de arrendamento o adxudicatario contará cun desconto do 50% do seu prezo. O contrato de aluguer terá unha duración máxima de 5 anos, cunha opción de compravenda transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade a desempeñar.
14 locais con actividade empresarial:
A tenda do Avó, establecemento de produtos de proximidade
(Abeleira Menéndez, 11)
JT Photo Gallery, galería de arte e fotografía
(Abeleira Menéndez, 13)
Torrado & Fernández, estudio de arquitectura
(Santiago, 11, baixo esquerda)
Editorial Elvira, espazo cultural
(Santiago, 11, baixo dereita)
Oruga Express, tenda de fotografía
(Santiago, 19)
A Horta de Abeleira, produtos ecolóxicos
(Abeleira Menéndez, 24)
Matina, bazar e espazo cultural con produtos de cercanía
(Abeleira Menéndez, 24)
Vigo Remember, galería de arte e fotografía
(Cruz Verde, 5, baixo esquerda)
Espacio Nido, empresa de coworking (3 locais)
(Ferraría 25-27-29)
Oficina técnica para aparellador
(Abeleira Menéndez, 24)
Empresa especializada en reformas
(Ferraría, 31)
Ideas de Percebe, axencia de deseño creativo
(San Sebastián, 8)
5 locais que abrirán próximamente:
Empresa Hermes Sistema S.L.
(Cruz Verde, 5, baixo dereita)
Obrador de pan
(Ferraría, 27)
Tenda de roupa punk a baixo prezo
(Ferraría, 33)
Despacho de pan
(Real, 25)
Abeleira Menéndez 18-20
(Recén adxudicado)