As sete novas vivendas ofertadas polo CCVV sortearanse o vindeiro martes, 12 de novembro
O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) publica hoxe senllas resolucións nas que se recollen as listaxes definitivas de candidatos para optar ás sete vivendas que o Consorcio Casco Vello rehabilitou nas rúas Subida ao Castelo e Elduayen.
Trátanse, en concreto, das promocións Subida ao Castelo 9, na que se ofertan dúas vivendas tipo tríplex, e Elduayen 31-Ferrería 10, onde son cinco as vivendas postas ao dispor dos interesados en residir nesta zona. Para a primeira delas o número de admitidos finalmente é de 216, que se incrementa ata os 251 no caso da rúa Elduayen.
O sorteo para establecer a orde de selección dos candidatos realizarase, como é preceptivo para o tipo de vivendas ofertadas polo CCVV, ante notario o vindeiro martes, 12 de novembro, ás dez da mañá, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo (C. Concepción Arenal n.º 8). Este sorteo poderá ser seguido por todos aqueles interesados, tanto directamente no lugar de celebración como en streaming na páxina do Consorcio Casco Vello (consorciocascovellovigo.org).