As 10 visitas imprescindibles de Vigo

Imaxinádevos que tedes que aconsellar a un turista un sitio de Vigo que non pode perder, que ten que visitar obrigatoriamente. Que lugar escolleriades?

Da man de Turismo de Vigo imos darvos algunhas ideas a través das 10 visitas imprescindibles que calquera persoa debe visitar na cidade.

  • As Illas Cíes. O arquipélago das Cíes está formado por tres illas: Monte Agudo, O Faro e San Martiño. As dúas primeiras están unidas pola praia de Rodas. Forman parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas e conforman un gran tesouro para a cidade.
  • A Praza da Pedra. Coas súas famosas ostras, a Praza da Pedra non é soamente unha visita imprescindible da cidade, senón que tamén o é do propio Casco Vello. É toda unha referencia no barrio e ningún visitante pode marchar del sen pasarse antes por alí.
  • A Porta do Sol. O km. 0 de Vigo é a unión entre o Casco Vello Baixo e o Casco Vello Alto. Hai que visitar a Porta do Sol para contemplar o Sireno, unha das esculturas máis famosas da cidade.
  • Monte do Castro. Ir ao Monte do Castro significa volver ás orixes de Vigo, xa que alí foi onde se asentaron os primeiro poboadores da cidade nos séculos II e III a.C.
  • A praia de Samil. Como xa vos contamos, é a praia familiar máis famosa de Vigo. E tamén a máis grande, con 1 km de largo e 15 m de ancho.
  • A lonxa do Berbés. O Berbés é un porto de referencia mundial: factura centos de millóns de euros e posúe a lonxa de peixe conxelado máis importante do mundo e a máis importante de Europa, no que ao peixe fresco se refire.
  • Bouzas. Un barrio mariñeiro que paga a pena visitar para marabillarse coas vistas da ría de Vigo.
  • A rúa Príncipe. A rúa por excelencia das compras en Vigo é peatonal e é aconsellable visitala para ver todo o movemento comercial que hai sempre nela.
  • O Auditorio Mar de Vigo. O edificio está deseñado por César Portela e é sede de cantidade de actos. Seguro que atopas un ao que che gustaría asistir.
  • A Ponte de Rande. Desde que se abriu ao tráfico en 1981 volveuse un dos elementos identitarios de Vigo. Desde el pódense contemplar tanto a illa de San Simón coma as illas Cíes.

 

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter