A Conselleira de Vivenda visita as últimas rehabilitacións acometidas polo CCVV
Ethel Vázquez coñeceu xunto ao presidente do Consorcio, Ignacio López-Chaves, as principais características das promocións da rúa Ferrería que se atopan xa en fase de adxudicación
19-05-2017 A Conselleira de Vivenda e Infraestrutura da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, realizou ao longo da mañá de hoxe unha visita ás obras de rehabilitación que o Consorcio Casco Vello de Vigo está a realizar no barrio histórico.
A Conselleira, que estivo acompañada na súa visita polo Delegado da Xunta de Galicia en Vigo e presidente do CCVV, Ignacio López-Chaves, tivo ocasión de coñecer de man dos arquitectos e responsables das empresas construtoras das promocións Ferrería 45-47 e Ferrería 10-12 as principais características das seis vivendas e dous locais comerciais resultantes destas rehabilitacións. En concreto na primeira das promocións inspeccionadas, Ferrería 45-47, incidiuse na importancia dada á integración de elementos da arquitectura tradicional con outros máis innovadores, xa que o proxecto supón a recuperación de dúas vivendas con moi diferentes niveis de conservación. Na súa visita a Ferrería 10-12 subliñouse especialmente os altos estándares de calidade buscados nas rehabilitacións emprendidas polo Consorcio.
Ethel Vázquez sinalou no transcurso desta visita a importancia concedida pola Xunta de Galicia á rehabilitación de vivendas e núcleos urbanos históricos, destacando como exemplos deste interese o labor realizado en diversos núcleos de poboación situados no Camiño de Santiago e a próxima presentación ao Parlamento Galego dunha nova lei de rehabilitación urbanística.
Nova imaxe
Así mesmo a conselleira destacou o importante papel desempeñado nesta materia polo CCVV, organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia -a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo- e nun 10 por cento polo Concello de Vigo. Ethel Vázquez referiuse neste sentido á continuidade no labor desenvolvido polo Consorcio, que prepara actuacións en cinco novos edificios ao longo de 2017, que se sumarán ás mais de cen intervencións desenvolvidas no seu ámbito de actuación desde a súa creación en 2005, e que supuxeron un investimento acumulado de 45 millóns de euros. Tras destacar que o CCVV está a ser tomado como modelo de actuación para iniciativas similares, a responsable de vivenda da Xunta de Galicia recalcou a importancia que este labor tivo na fixación de poboación nesta zona da cidade olívica, subliñando o feito de que tanto as dúas promocións que IGVS acaba de sortear, como as realizadas anteriormente e os novos proxectos en marcha contribuíron a xerar unha nova imaxe do Casco Vello en xeral e da rúa Ferrería en particular.
Como continuación á súa visita ás promocións da rúa Ferrería, Ethel Vázquez desprazouse por outras vías do Casco Vello, onde tivo ocasión de contemplar algunhas das edificacións xa finalizadas polo Consorcio e a marcha das obras de novos proxectos, como os situados en Subida ao Castelo e Subida á Costa.