Consorcio Casco Vello de Vigo: a súa historia

Os veciños do Casco Vello de Vigo comezaron a reclamar fai algún tempo un cambio para o seu barrio, que comezaba a verse inmerso nun estado de degradación e decadencia sen que desde ningún lado se fixese nada ao respecto ou tan sequera se alzase a voz.

Vendo e analizando esa realidade, desde as diferentes administracións foron conscientes da gravidade do asunto e da necesidade de poñer fin a esa situación que estaba a dar unha moi mala imaxe a unha zona tan importante na historia da cidade como é o seu barrio histórico.

Naceu así o Consorcio Casco Vello de Vigo. Era o ano 2005 e as administracións autonómica e local uníanse, coa colaboración do Consorcio da Zona Franca, para crear un organismo que puxera fin á degradación do Casco Vello. Comezaba con el un ambicioso programa de rehabilitación e recuperación urbana na área.

COMPOSICIÓN

O Consorcio Casco Vello de Vigo foi creado polo Consorcio da Zona Franca, o Concello de Vigo e o Instituto Galego de Vivenda e Solo, a quenes lle correspondía o 40%, 10% e 50%, respectivamente. Esta constitución cambiaría dous anos despois, no 2007, cando o Instituto Galego de Vivenda e Solo adquire a participación da Zona Franca e o equilibrio entre as administracións queda repartido da seguinte maneira: o 90% estaba participado pola Xunta de Galicia e o 10% polo Concello de Vigo.

E como ben saberedes xa, na actualidade o 10% segue correspondendo ao Concello de Vigo e o 90% restante ao Instituto Galego de Vivenda e Solo e está formado pola Presidencia, o Consello de Administración, o Comité Executivo e a Xerencia.

composición

Composición

 

A día de hoxe é María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo, quen ocupa o cargo de presidenta. O Consello de Administración está formado por unha parte polos seguintes membros do Instituto Galego de Vivenda e Solo: Ricardo Valencia Hentschel, director técnico de Construcións e Calidade; Santiago Varela Vidal, empresario e María José Bravo Bosch, delegada territorial da Xunta en Vigo; pola outra, polos seguintes membros do Concello de Vigo: Mª del Carmen Silva Rego, tenente de alcalde do Concello de Vigo; David Regades Fernández, concelleiro do PSOE; Santiago Domínguez Olveira, concelleiro do BNG e José Manuel Figueroa, concelleiro do PP.

Pola outra banda, o Comité Executivo está formado por María José Bravo Bosch, Ricardo Valencia Hentschel e Mª del Carmen Silva Rego. A xerencia ocúpaa Alfonso Ramos Covelo.

OBXECTIVOS

  • O Consorcio encárgase especialmente da ordenación urbana do Casco Vello, promovendo e executando proxectos arquitectónicos modernos pero coherentes coa fisionomía do barrio.
  • Servir de motor no proceso de rehabilitación integral do barrio histórico vigués.
  • Facilitar aos propietarios de inmobles na área a venda dos edificios para que sexan rehabilitados e postos no mercado.
  • En definitiva, dinamizar a zona a todos os niveis, xa que a finalidade principal dos edificios rehabilitados é o uso como vivenda social e como locais comerciais, aínda que tamén se fixeron acordos para o establecemento de organismos que dinamicen a vida cotiá.

Casco Vello Vigo

Abeleira Menéndez

TRABALLOS

Durante os nove anos que o Consorcio Casco Vello de Vigo leva exercendo a súa actividade, foron xa moitos os edificios que tiveron unha notable rehabilitación. De feito, moitas rúas cambiaron por completo a súa imaxe, converténdose así en sitios cheos de vida nos que cada día son máis os que se animan a pisalas.

Casco Vello Vigo

Ferrería San Sebastián

As vivendas resultantes das rehabilitacións están calificadas como Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e outórganse a través de sorteos postos en marcha polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, como ben saberedes xa. Este organismo puxo en marcha nos últimos anos catro sorteos para outorgar as 64 vivendas rehabilitadas ata o momento. Desas, tan só quedan tres baleiras (pódese acceder a elas a través de adxudicación directa).

E a boa nova é que pronto se sortearán novas vivendas no Casco Vello Alto, concretamente 10 inmobles que pertencen á promoción San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7.

RECOÑECEMENTOS

O cambio é totalmente visible e palpable pola meirande parte da poboación viguesa. A cidade olívica conseguiu recuperar parte do seu encanto histórico, se ben é certo que aínda queda traballo por facer.

Pero non só os vigueses recoñecen esta transformación, senón que diferentes organizacións relacionadas co mundo da arquitectura tamén foron conscientes. Proba diso son os diferentes premios recibidos.

A nivel galego, o Gran de Area 2013 e o Premio COAG de Arquitectura, outorgado a Cendón&Vázquez Arquitectos polos seus traballos no Casco Vello. A nivel nacional, o recibido na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, na categoría de revitalización e transformación do centro urbano.

 

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter