Comezan as obras da promoción Subida a Costa 5

Coa instalación por parte da empresa adxudicataria do guindastre que apoiará a construción comezaron de maneira efectiva os traballos de rehabilitación da  nova promoción do Consorcio Casco Vello de Vigo en Subida á Costa 5, na parte alta do barrio histórico vigués.

Esta actuación servirá para rescatar un edificio desta popular praza, próxima ao concello de Vigo, que albergará unha nova vivenda e un novo local comercial na  zona onde o CCVV levou a cabo unha máis profundo labor de rexeneración desde a súa constitución fai once anos.

Estado actual do edificio.

O solar tivo que ser baleirado polo CCVV

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A vivenda ocupará a planta alta e parte da planta baixa. Terá unha superficie útil de 70 metros cadrados, distribuídos en dous dormitorios, salón-cociña-comedor, baño e lavadoiro.

Pola súa banda, o local comercial ocupará o resto da planta baixa e o semisótano para sumar unha superficie total de 96,31 metros cadrados.

A actuación ten un orzamento de 475.390 euros, dos cales 225.000 investiranse ao longo de 2017 para levar a cabo a edificación. A empresa adxudicaría da obra é Prace, Servizos e Obras.

Esta intervención do Consorcio Casco Vello, integrado nun noventa por cento pola Xunta de Galicia e nun dez por cento polo Concello de Vigo, súmase ás outras oito actuacións previstas polo organismo rehabilitador do barrio histórico vigués para o ano en que nos atopamos e que supoñerán un investimento superior aos 2.600.000 euros, incluíndo no mesmo unha achega de 400.000 euros para a adquisición de edificios.

Moi próximas á obra que agora comeza o Consorcio Casco Vello iniciou fai tres meses a rehabilitación doutro edificio en Subida ao Castelo 12, e, na actualidade, atópanse en fase de estudo ou adxudicación os proxectos de Ferrería 8 e Cruz Verde 8. Así mesmo, o próximo 8 de maio procederase á adxudicación das 6 novas vivendas correspondentes ás promocións Ferrería 45-47 e Ferrería 10-12, tamén moi próximas.

Facebook