O coworking aterra na rúa Ferraría da man de Espacio Nido

Casco Vello VigoEmprendedores que axudan a outros emprendedores, pero moito máis. Así podería definirse o servizo de coworking que estes mozos, Alberto Cebral, Iria Rivas, Ramón Viéitez e Noemí Díaz, queren ofrecer dende a emblemática rúa Ferraría, nos tres locais rehabilitados polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) nos números 25, 27 e 29.

 

 

Alberto Cebral, Noemí Díaz e Ramón Viéitez.

Falamos de Espacio Nido que mañá, sábado, día 22, inaugurará por todo o alto o seus tres locais convertidos un só na parte alta do Casco Vello. A partir das 12:00 horas todos os que o desexen poderán gozar coas dúas actuacións musicais previstas do vigués  circo e do concerto acústico de Roy Basanta, así coma unha exposición colectiva de 10 fotógrafos, entre os que se atopan, Marta Cerviño, Álvaro Sanz ou Annacarin Isaksson.

Casco Vello Vigo

Espacio Nido é o primeiro proxecto de coworking que existe na nosa cidade e, tras a súa boa acollida na rúa Méndez Núñez, agora os seus artífices apostan polo barrio histórico. “O coworking é unha filosofía máis que un obxectivo, unha filosofía para compartir experiencias ou coñecemento”, comenta Ramón, ao tempo que explica que “se trata dun espazo que poñemos a disposición de todos os que queiran”.

O novo baixo comercial ofrece as súas instalacións a emprendedores e a cidadanía, en xeral, que necesiten un espazo perfecto para eventos culturais, reunións e distintas iniciativas que encaixen na súa filosofía. Na actualidade, na sede de Espacio Nido, traballan programadores informáticos, deseñadores, publicistas, arquitectos  ou ilustradores, entre outros profesionais.

Casco Vello Vigo

Segundo un estudio que cita o propio Ramón, “o 85% dos usuarios do coworking valoran por enriba do prezo e por enriba do espazo físico que fan amigos”. E é que Espacio Nido podería resumirse coma “unha gran familia, xa que “hai moito apoio e moito coñecemento compartido”, relata Alberto.

Casco Vello Vigo

Madrid, Barcelona ou Londres son só algunhas das cidades nas que as empresas de coworking pisan forte e Vigo non podía ser menos. En canto ao seu novo emprazamento, “o Casco Vello é un sitio ideal”, sobre todo, despois da labor rehabilitadora que segue facendo o CCVV.

Con respecto aos cambios máis que visibles na parte alta do barrio, Ramón, Noemí e Alberto coinciden en animar aos vigueses a que a redescubran. “Que fagan o esforzo de percorrer o novo barrio coa Pinacoteca e que vexan a recuperación”, manifestan.

Na reportaxe mostramos o interior das instalacións antes da súa apertura de mañá, cos últimos preparativos. Máis adiante volveremos a este escaparate para ensinarvos o día a día do novo Espacio Nido, dende a Ferraría. Esperámosvos!

Casco Vello VigoCasco Vello VigoCasco Vello Vigo

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter