Xunta de Galicia e Concello de Vigo aproban a renovación do convenio do Consorcio Casco Vello durante catro anos máis

Tamén se deu o prace ao plan de actuacións ata o ano 2030 sede


Pendente tan só da determinación da data para a firma protocolaria, a renovación do convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia permite a continuación do labor do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) ata finais de 2029. Esta renovación, a sexta desde a súa creación en 2005, foi aprobada polo pleno do concello de Vigo celebrado esta mañá, en tanto que unha decisión similar foi aprobada polo Goberno galego a pasada semana. Ambos integrantes do Consorcio aprobaron, así mesmo, o Plan de Actuación 2026-2030 cun investimento previsto de 7,1 millóns de euros para proseguir o labor de recuperación urbanística e dinamización social da zona histórica da cidade.

Sede do Consorcio Casco Vello de Vigo na Rúa Ferrería.


O Consorcio Casco Vello de Vigo creouse en 2005 integrado inicialmente polo Concello de Vigo, a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Chan e o Consorcio da Zona Franca de Vigo. A retirada deste terceiro organismo e a decisión da Xunta de Galicia de asumir a súa porcentaxe estableceu uns cooficientes de participación do 90% para o Goberno galego e dun 10% para o Concello de Vigo. Ao longo dos seus vinte anos de actuación o CCVV investiu máis de 30 millóns de euros na adquisición de solares e edificios residenciais para poder levar a cabo unha radical operación de transfomación do que, no momento da súa constitución, era unha das zonas máis degradadas da cidade.

As actuación do CCVV permitiron recuperar máis de 80 edificios que tras o seu acondicionamento traducíronse na creación de 144 vivendas e 36 locais comerciais, co importante impacto que estas cifras supoñen en canto á chegada ao barrio de novas familias e novas iniciativas empresariais para a súa dinamización.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.