Xaime Fandiño presentará mañá a súa nova novela na sede de Évame Oroza no Casco Vello
Vigo, 30 de xaneiro do 2024.- O escritor Xaime Fandiño presentará mañá, mércores 31 de xaneiro , a partir das 19:30 horas, a súa nova novela, “El último concierto” nun acto que se desenvolverá na sede a fundación cultural Évame Oroza na rúa Subida á Costa 5, no Casco Vello Alto de Vigo. Ademais do autor, a presentación contará coa presenza do editor, Xabier Romero, e dos actores Manuel Manquiña e Antonio Durán “Morris”.
“El último concierto” , segundo a información remitida pola editorial Elvira, responsable da publicación, “trata de reivindicar a heteroxeneidade e o dereito para decidir en calquera momento do periplo vital, sexas novo, vello, maduro ou intermedio, porque a vida está chea de oportunidades e os nosos canallas protagonistas non están para desaproveitar nin un minuto da súa existencia. Unha road movie infestada de humor acedo que che sorprende en cada páxina; pois sempre pode ocorrer algo que nin che imaxinas porque a vida é así”.
Xaime Fandiño é un referente no panorama audiovisual de Galicia desde que nos anos 80 participase na posta en marcha da TVG tanto en tarefas de realización como na creación e dirección de varios programas. Vinculado tamén ao mundo universitario a súa xubilación en 2016 non supuxo ningún freo ao seu afán creativo xa que na actualidade segue vinculado ao mundo da comunicación a través da súa colaboración en distintos medios escritos e audiovisuais así como pola súa actividade como novelista.