Un repaso ao ano que remata
Remata o ano e con el chegan os resumes anuais de multitude de acontecementos. Nós queremos voltar tamén a vista atrás para comprobar o que deu de si este 2013 e todo o que virá no 2014.
O ano comezaba coa noticia da bonificación dun 20% no aparcadoiro do Berbés para os propietarios e residentes das vivendas rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo.
Así, a presidenta do organismo, María José Bravo Bosch, chegou a un acordo con Jesús López Hidalgo, responsable de Movilidad y Aparcamientos S.L., xestor concesionario do aparcadoiro do Berbés para outorgar esta bonificación aos adxudicatarios das Vivendas de Protección Autómica (VPA). O convenio terá unha duración de 4 anos e os beneficiarios pasarán a pagar 82,88€ polo seu bono 24 horas.
Durante a última fin de semana de febreiro celebrouse no Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo a XIII edición de Franquiatlántico, feira dedicada ao sector das franquicias e negocios, na que o Consorcio Casco Vello de Vigo estivo presente cun sector expositivo propio.
O obxectivo era dar información sobre os locais comerciais dispoñibles para o seu arrendamento, e máis dun cento de persoas estiveron interesadas en coñecer máis en detalle este tema. De feito, a maioría dos interesados valoraron como positiva a bonificación do 50% do arrendamento dos dous primeiros anos.
Desde o espazo expositivo instalado, persoal do CCVV repartiu folletos coa documentación requerida para poder optar a algún dos baixos comerciais dispoñibles. Ademais, tamén se explicou a filosofía do organismo para instalar novas actividades comerciais que axuden a dinamizar o barrio.
Tamén no mes de febreiro, concretamente o día 14, o proxecto de rehabilitación de cuarteirón Ferraría-San Sebastián (Ferraría 11-13-15-17/San Sebastián 1-3-5-7) dos arquitectos Perfecto Cendón e Javier Vázquez (do estudio Cendón-Vázquez Arquitectos) foi premiado polo COAG no apartado de vivenda.
O fallo do xurado, coñecido o día anterior á entrega de premios, destacou o proxecto “como un exemplo de intervención en vivendas dun casco histórico, nunha zona moi degradada, servindo para rexenerar un ámbito urbano. Valórase a singularidade da proposta e como homoxeniza a intervención dun elemento como as carpinterías, conferíndolle carácter e personalidade, pero sempre desde a contención e a economía dos medios. Destacouse tamén a flexibilidade do espazo”.
(Fotografía cedida polo estudo de arquitectos Cendón-Vázquez).
Outro premio que recibimos este 2013 foi o da XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, na categoría de revitalización e transformación do centro urbano. O proceso de rehabilitación do Casco Vello foi elixido entre 166 candidaturas, 64 proxectos pre-finalistas e 27 finalistas, dos que finalmente se outorgaron os 15 premios.
Foi o 28 de xuño cando se fixeron públicos os 15 premiados, pero a gala non se celebraría ata o 14 de novembro, levada a cabo na Cineteca do Matadero de Madrid e á que asistiron a presidenta do CCVV, María José Bravo Bosch, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. Pero para achegar o premio aos vigueses, celebramos en pleno barrio histórico (no Edificio Cambón) a xornada “Casco Vello de Vigo: exemplo de rehabilitación, mirando ao futuro. Proxecto premiado na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (2013)”, co obxectivo de realzar o valor arquitectónico do Casco Vello de Vigo e o gran traballo que se ven desenvolvendo ao longo dos anos.
Ase mesmo, o organismo comezou a principios do ano as obras de rehabilitación das rúas San Sebastián 4-6 e Subida ao Castelo 5-7 pertencentes ao cuarteirón Castelo de San Sebastián, formado, a súa vez, polas promocións xa postas nos mercado e xa habitadas por novas familias, San Sebastián 8-12-14 (4 vivendas), Hortas 10-12 (5 vivendas) e tamén pola urbanización interior dos mesmos.
Tras a inversión prevista de máis de 1,3 millóns de euros nos inmobles, sairán outras 10 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e 2 locais comerciais. Todos os pisos terán 1 dormitorio e contarán con superficies entre os 46,24 m2 e os 68,20 m2.
Os novos edificios de San Sebastián 4-6 e Subida ao Castelo 5-7, deseñados polos arquitectos Javier Franco e Vicente Pintos, están concebidos coma un lugar aberto dotado con 11 mobles modulares que permitirá aos futuros adxudicatarios organizar o interior ao seu gusto, separando os espazos na función da súas necesidades.
A noticia que moitos estaban agardando chegou a principios de agosto, cando se aprobou o primeiro Plan de Actuación do Casco Vello de Vigo para os anos 2013-2017 e con el, a rehabilitación integral da fachada do Berbés.
O novo plan contempla uns investimentos de 14,6 millóns de euros para continuar coas actuacións programadas no barrio histórico da cidade, tanto na parte alta como na baixa. Intervirase en 22 inmobles que darán lugar a 43 vivendas e 17 locais comerciais.
Deles, está previsto que 16 vivendas e 5 locais saian da rehabilitación do Berbés, que se converteu xa nun dos obxectivos prioritarios do organismo.
O 17 de setembro realizouse un novo sorteo público de 12 novas Vivendas de Protección Autonómica (VPA) rehabilitadas polo CCVV. Nel estiveron presentes algunhas das personas inscritas no Rexitro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia.
As promocións sorteadas foron as ubicadas en Ferraría 25, 27, 29 (5 pisos), Ferraría 31 (1 piso), Canellón do Estreito, 12 (2 pisos) e Ferraría 33-35 (4 pisos). A vivenda máis barata adxudicada foi de 71.869,92 euros (sen IVE), mentres que a máis cara foi de 162.554,62 euros (sen IVE).
Foron os primeiros pisos sorteados polo IGVS tras a rebaixa dos seus prezos (unha media de 27.000 €), decisión adoptada polo organismo para facilitar a chegada de máis familias ao barrio histórico.
Entre agosto e setembro, 4 novas familias pasaron a formar parte da veciñanza do barrio histórico. O 1 de agosto entregáronse 3 chaves pertencentes ás promocións de San Sebastián 8-12-14 (1 piso: o 2ºA), Ferraría 11-13-15-17/San Sebastián 1-3-5-7 (1 piso: o Baixo C) e Hortas 10-12 (1 piso: o dúplex A).
A cuarta vivenda entregouse o 21 de setembro, o 1ºA da promoción San Sebastián 8-12-14, e foi adxudicada de forma directa, tras superarse os prazos establecidos.
Estas 4 novas VPA postas no mercado foron as primeiras que se entregan tras a decisión do CCVV de rebaixar os seus prezos nunha media de 27.000 euros do seu custo inicial.
Ademais de novos veciños residentes, tamén se uniron á familia do Casco Vello novos comerciantes.
A horta de Abeleira abriu as súas portas a principios do ano no número 13-15 da rúa Abeleira Menéndez. Unha tenda cargada de produtos ecolóxicos, biolóxicos, naturais e libres de antibióticos e pesticidas.
Seguiulle os pasos a Editorial Elvira, que se mudou ao barrio no mes de abril. O número 11 da rúa Santiago pasou a acoller unha editorial namorada da literatura e enfocada á poesía, narrativa e artes plásticas, en especial de artistas galegos.
Matina, un bazar onde poder mercar produtos ecolóxicos artesanais, abre as súas portas no número 26 da rúa Abeleira Menéndez. Especializado en almorzos e merendas, os seus clientes poderán mercar produtos e degustar receitas eco. Ademais, a maioría dos obxectos que decoran o espazo están á venda.
Para cerrar o ano, Vigo Remeber inaugurase o 29 de novembro na rúa Cruz Verde, 5. Desde ese día, o Casco Vello alto conta cun novo espazo para a creatividade galega, cuxo obxectivo é, precisamente, achegar a arte ao pobo.
A rúa San Sebastián volveu ser noticia un mes despois, xunto con Ferraría. Entre estas dúas rúas serán 5 inmobles os que se rehabilitarán e que darán lugar a 8 novas vivendas e 4 locais comerciais. Concretamente, traballarase nos número 24-26 de San Sebastián e 3-5-7 en Ferraría. As vivendas serán de 1 e 3 dormitorios cunhas superficies útiles que oscilan entre 53,84 m2 e 97,59 m2 mentres que os locais comerciais terán entre 17,87 e 61,96 metros cadrados.
O ano rematou coa entrega das chaves de 4 novas VPA. 3 delas pertencen ao último sorteo do IGVS e a outra a unha fase anterior. María José Bravo Bosch entregou as chaves aos novos propietarios o pasado venres 27 de decembro, onde quixo agradecer a cada novo propietario a súa aposta decidida para residir na zona vella da cidade. Trátase de 1 vivenda de 3 dormitorios -dúplex-, 2 vivendas de 2 dormitorios –unha delas tamén é un dúplex- e 1 máis de 1 dormitorio, e contan con superficies que van desde os 61,40 m2 aos 116,55 m2. O prezo da máis barata é de 85.635,81 euros (sen IVE) e a máis cara de 162.554,62 euros (sen IVE).
Outra das novas deste ano é que ningún dos locais que rehabilitamos polo de agora quedarán sen actividade, grazas á aposta dos cidadáns polo barrio histórico da cidade.
En canto o 2014 se refire, avanzarase no proxecto de rehabilitación do Berbés, dentro do Plan de Actuación 2013-2017. Como xa comentamos, era un dos proxectos máis esperados por todos os vigueses, xa que estamos a falar dun edificio emblemático para a cidade.
Ademais, as obras das que vos acabamos de falar (San Sebastián 24-26 e Ferraría 3-5-7) tamén se acometerán o vindeiro ano.
O 2014 ven cargado de novos proxectos para o CCVV, que esperamos poder seguir compartindo con todos vós.