Un recital póetico na praza do Abanico poñerá fin ao Taller de Voz organizado por Évame Oroza

Como colofón ao Taller de Voz que desde o mes de febreiro realizou a asociación cultural Évame Oroza, o vindeiro xoves, día 12, a partir das oito e media da tarde, e no local que esta asociación ten no Casco Vello de Vigo, levará a cabo un recital poético. No mesmo, baixo a dirección da responsable do curso, Graciela Baquero, intervirán Ángeles Mínguez Hermida, Miguel Vigo, Patricia Rivas Gallego, Carme Pereiro-Oliveira, Xosé Duarte Rañó, Oliva Castillo e Irene Esperón, quen ofrecerá unha mostra dos logros alcanzados.
O Taller de Voz, desenvolto durante todos os martes desde o mes de febreiro, pretendeu ser un punto de encontro para aquelas persoas interesadas no desenvolvemento da voz como ferramenta creativa e expresiva, á vez que exploraban as posibilidades expresivas da oralidade, a lectura e a interpretación póetica. Se o tempo acompaña, a actividade desenvolverase ao aire libre, na praza do Abánico, no acceso á sede da asociación Évame Oroza.