Un paseo polo Vigo antigo

Non hai dúbida algunha de que o Casco Vello de Vigo está rexurdindo da situación desfavorable que vivía anos atrás. O traballo conxunto de veciños, comerciantes, administracións e institucións públicas e o Consorcio está a conseguir que o barrio volva a ser o centro neurálxico da cidade.

Por iso, hoxe queremos propoñernos que volvades ir ao Casco Vello e, ademais do seu recente cambio, admiredes tamén todo o que agocha de historia e tradición. Da man de Turismo de Vigo imos mostrarvos este percorrido que vos levará a todos os recunchos do barrio histórico en apenas dous quilómetros de paseo.

Comezamos no Peirao de Trasatlánticos, xunto á oficina de información turística fronte á que aínda se poden observar, no chan, os restos subterráneos do que foi a muralla de Vigo. Desde aí, subimos ata a Praza da Princesa, á Porta do Sol e seguimos camiñando ata o Paseo de Alfonso XII, impresionante balcón desde onde podemos observar O Berbés. Seguimos pola parte baixa do barrio, aos seus soportais aos que, anos atrás, chegaba o mar.

Volvemos subir a través da rúa Real, rúa que conta con moitas das casas señoriais que se conservan na cidade, como as de Bárcena, Pazos e Figueroa ou a Casa de Arines ou Ceta, a máis antiga e emblemática do barrio histórico, que data do século XV e hoxe en día é a sede do Instituto Camôes da lingua portuguesa.

Antes de chegar ao final da rúa Real, xiramos á dereita para entrar na rúa Cesteiros, que tomou ese nome polos numerosos artesáns que se instalaron nela para exercer o seu traballo. Seguimos camiño da Praza da Constitución, considerada antigamente como a Praza Maior de Vigo, e volvemos descender cara á Colexiata, principal igrexa da cidade. O mercado da Pedra será o último punto deste percorrido, desde cuxo balcón podemos ver o inicio do mesmo.

 

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.