Un centro deportivo ocupará o local comercial alugado polo CCVV en Elduayen 31

O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a resolución do concurso para o alugueiro do local comercial resultante da rehabilitación do edificio situado no número 31 da rúa Elduayen. Das dúas ofertas presentadas neste proceso administrativo a mesa de contratación cualificou con maior puntuación, e por tanto declarado adxudicataria do alugueiro do local, á presentada pola empresa ORIXE que o habilitará como un centro deportivo orientado á saúde.
O local agora adxudicado, situado na planta baixa do edificio rehabilitado na citada rúa, conta cunha superficie útil de 106,95 metros cadrados. De acordo con as condicións establecidas no concurso de adxudicación o contrato establécese por un período inicial de sete anos, cunha cota anual de 4.488,98 euros (374,08 euros mensuais).
Coa próxima posta en marcha desta empresa o número de locais alugados polo CCVV ascende a 25. Este programa de alugueiro contribuíu dunha maneira moi importante á dinamización social da zona vella da cidade, especialmente na denominada “zona alta” do mesmo. Este proceso viuse especialmente impulsado hai dous anos, coa posta en marcha dun “macroproceso” de adxudicación de locais que, nas súas sucesivas fases, permitiu a instalación de dúas decenas de novas pequenas empresas na zona.