Trece empresas optan á rehabilitación de Subida ao Castelo, 12

A Mesa de Contratación da promoción “Subida a Castelo, 12” quedou constituída onte  tras o trámite de apertura  das ofertas das empresas presentadas ao  concurso convocado polo Consorcio Casco Vello de Vigo. En total foron trece as ofertas recibidas para optar á construción desta promoción, cun orzamento base de licitación de 406.005,18€, de acordo co proxecto básico elaborado polos arquitectos César Jiménez López, Antonio  Davila Alonso,  Luís Meijide Rico e Jesús Cordeiro Rodríguez.

Nesta sesión de constitución da mesa procedeuse ao estudo da documentación administrativa achegada polas construtoras interesadas; ao longo das  próximas semanas procederase á supervisión da documentación técnica e económica requirida na convocatoria para poder determinar a oferta máis vantaxosa de acordo coa lexislación de contratación pública.

Subida ao Castelo 12. Situacion e sección.A posta en marcha desta promoción na rúa Subida ao Castelo permitirá a rexeneración dun edificio que se atopaba en estado practicamente ruinoso para crear catro novas vivendas, todas elas  con acceso directo desde a rúa.  Dous, con acceso desde os extremos da fachada,  terán a consideración de dúplex, ocupando planta baixa e semisoto.  As outras dúas sitúanse na planta alta, onde se accede desde un vestíbulo con acceso desde a fachada principal.

A leira sobre a que se actuará ten unha superficie de 161 m2 , xa que á súa área orixinal agregáronselle 44 procedentes doutra na contigua rúa Ferrería, tamén adquirida polo Consorcio Casco Vello.

 

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.