Sorteado a orde de elección de Ferrería 10-12 e Ferrería 45-47
O sorteo de atribución de orde entre os solicitantes das seis vivendas promovidas polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) en Ferrería 10-12 e Ferrería 45-47 realizouse esta mañá nun acto público presidido polo Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Vigo e presidente do Consorcio Casco Vello, Ignacio López-Chaves.
O sorteo, realizado baixo dirección e supervisión notarial, permitiu establecer a orde de elección entre os 19 interesados nas dúas vivendas da promoción Ferrería 10-12 e entre os 41 que se interesaron polas catro resultantes en Ferrería 45-47. En ambos os casos as listaxes de admitidos foran establecidos polo Instituto Galego de Vivenda e Solo entre todos aqueles inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda que cumprían os requisitos para optar a algunha destas promocións.
A partir deste momento os dous primeiros beneficiados no sorteo de Ferrería 10-12 e os catro de Ferrería 45-47 serán convocados polo Consorcio Casco Vello para continuar co proceso de asignación, que pasa pola confirmación do interese nalgunha das novas vivendas creadas na zona histórica de Vigo e a formalización da súa compra. No caso de que se produza algunha renuncia a oferta realizarase aos inscritos que quedaron nas listas de reserva, seguindo a orde de atribución establecido neste sorteo.
Ferrería 10-12 inclúe dúas vivendas similares situadas nas plantas primeira e segunda desta edificación, que non seu baixo conta tamén cun local comercial. A superficie de ambas vivendas e de 57 m2
Ferrería 45-47 reúne catro vivendas de distintas superficies – entre os 56 e os 120 m2- e número de dormitorios. Unha delas é de tipo dúplex con tres habitacións, no que representa unha das maiores vivendas promovidas polo CCVV.
Con estas dúas promocións o CCVV, organismo constituído nun noventa por cento pola Xunta de Galicia e nun dez por cento polo Concello de Vigo, continúa co labor -iniciado en 2005- de recuperación para a cidadanía da zona histórica de Vigo, o que supuxo a construción de máis de cen vivendas e trinta locais comerciais, cun investimento que superou os 30 millóns de euros. Precisamente a zona da rúa Ferrería é unha nas que mais concentrouse o labor rehabilitadora deste organismo, labor que se prolonga na actualidade con dúas novas promocións en marcha nas próximas rúas de Subida ao Castelo e Subida á Costa e a proxectada en Ferrería 8.