Reunión do xurado do concurso internacional de ideas para a conexión Berbés-Praza do Rei
Este mes reúnese o xurado encargado de decidir a proposta gañadora no Concurso de Ideas para a conexión entre a praza do Berbés e a praza do Rei, así como para o reordenamento do contorno do castelo de San Sebastián. O 28 de outubro, agás atrasos de última hora, fará público o nome do modelo escollido.
Os membros do xurado están convocados a unha primeira reunión o 15 de outubro nas dependencias do Consorcio do Casco Vello de Vigo ás 10 da mañá. Será esta ocasión para o primeiro intercambio de ideas, logo de que todos os membros do xurado xa teñen no seu poder a documentación das 19 propostas presentadas.
Será na segunda reunión, o 28 de outubro -no mesmo lugar e á mesma hora-, cando o xurado, tras unha segunda deliberación, tome unha decisión definitiva.
O xurado do concurso internacional de ideas está composto pola conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, que exerce como presidenta do xurado. Como secretario estará un técnico do propio consorcio, con dereito a voz pero sen voto. Os vogais serán o presidente do Consorcio do Casco Vello de Vigo, Santiago Domínguez; o xerente do consorcio, Alfonso Ramos, o presidente da delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia, Salvador Fraga; a arquitecta do consorcio, Nuria Campos; a arquitecta designada pola Consellería de Vivenda, Eva Reza; o interventor do consorcio, Luís García; a secretaria do consorcio, Marta Riobó e o arquitecto convidado, Manuel de las Casas.