Próximo concurso para a adxudicación de 7 vivendas e adxudicación das obras de Berbés 39-San Francisco 2
Vigo, 24 de xulio do 2024.– O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) acaba de solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a posta o marcha de senllos procesos de selección de adxudicatarios para optar a setes novas vivendas integradas nas promocións Subida ao Castelo 9 e Elduayen 31-Ferrería 16. Todas elas ofertaranse baixo a catalogación de Vivenda de Protección Autonómica para venda en réxime concertado. A través do esta ligazón á páxina web do IGVS pódense seguir os sucesivos pasos no proceso de adxudicación destas vivendas, como a convocatoria oficial da convocatoria para presentar a documentación dos candidatos, publicación de listas de admitidos e rexeitados, datas dos sorteos, etcétera.
A decisión, adoptada na reunión que este organismo celebrou esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, complementouse co acordo tomado polo Comité Executivo do mesmo organismo para a adxudicación das obras dunha nova promoción, Berbés 39-San Fracisco 2, que permitirá dispoñer nun futuro próximo de duas novas vivendas na contorna do Casco Vello vigués. A recuperación do edificio adxudicouse á empresa PRACE SERVICIOS Y OBRAS S.A. por un importe de 548.728,54 €, ive incluído.
Prezos
En relación ao primeiro dos temas, as solicitudes presentadas ao IGVS acompáñanse da proposta dos prezos de adxudicación de cada unha das vivendas, en función da súa superficie e outros criterios urbanísticos (altura, orientación…). Estes prezos propostos poderían experimentar lixeiros cambios no caso de producirse algunha variación nas superficies finais dos proxectos.
En concreto a valoración presentada para as dúas vivendas tipo tríplex da promoción Subida ao Castelo 9 son:
Vivenda A (87,76 m² útiles), 193.000 €.
Vivenda B (89,59 m² útiles), 197.000 €.
Respecto as cinco vivendas da promoción Elduayen 31-Ferrería 16, os valores presentados son os seguintes:
Vivenda 2A (55,44 m² útiles máis 4,27 m² de rocho), 125.000 €.
Vivenda 3A (58,22 m² útiles máis 4 m² de rocho), 132.000 €.
Vivenda 4 A (59,01 m² útiles mais 6,18 m² de rocho), 138.000 €.
Vivenda B (87,06 m² útiles), 185.000 €.
Vivenda C (107,07 m² útiles), 235.000 €.
Esta promoción inclúe unha sexta vivenda que permanece en reserva para o cumprimento doutras finalidades do CCVV.