Premios do concurso de ideas: Un funicular unirá o Berbés coa praza do Rei
A empresa catalá B01 Arquitectes gañou o concurso internacional de ideas para a conexión transversal Berbés-Praza do Rei, que convocou o Consorcio do Casco Vello.
A proposta, premiada con 50.000 euros, contempla a construción dun funicular sobre raís con capacidade para 30 persoas. O xurado destacou da iniciativa premiada “a funcionalidade para o usuario, que fai un ascenso continuo” así como o feito de se poder converter no futuro en reclamo turístico e símbolo da cidade, sen que teña un grande impacto sobre o tecido urbano do Casco Vello.
O funicular terá unha frecuencia de dez minutos e terá dúas paradas intermedias, unha na rúa dos Poboadores e outra no Paseo de Alfonso XII. A derradeira estación, no castelo de San Sebastián, intégrase coa actual zona verde e no proxecto prevese a construción dun paseo para peóns que conecte esa zona coa casa do Concello. Facer posíbel que o Concello sexa accesíbel desde o casco vello era unha das demandas do propio concurso de ideas.
A Consellería de Vivenda e Solo, que participa cun 90 por cento no Consorcio do Casco Vello de Vigo, comprometeuse a poñer en marcha o proxecto no 2010.
Outros premios
O segundo premio do concurso internacional de ideas para a conexión entre o Berbés e a praza do Rei foi para Jacobo Bouzada Jaureguizar, con domicilio en Madrid. O xurado outórgalle os 15.000 euros pola “atención á integración e remodelación” integral do percorrido. Tamén se gabou a proposta de construción de dous aparcadoiros.
O terceiro premio concédeselle a José González-Cebrián Tello, con domicilio na Coruña. Recibirá 10.000 euros grazas a que o xurado considerou moi interesante “a proposta de tres torres con ascensores e pasarelas de deseño que poden servir como fitos da cidade”. Tamén se subliña a iluminación, que axudaría a mellorar o tránsito no Casco Vello de noite.
Ademais, o xurado concedeu dous accésits, valorados en 5.000 euros cada un. O estudio Mint Arquitectos, de Madrid, recíbeo por aproveitar o percorrido dos elevadores con edificios útiles para usos públicos.
Pablo Menéndez Paz, de Vigo, é recoñecido por integrar dun xeito interesante edificios que poden integrar ascensores e escaleiras a un tempo.