Paseamos polo Casco Vello?
Como cada primeiro luns do mes de outubro, o próximo día 7 celébrase o Día Mundial da Arquitectura 2013, baixo o lema “Cultura-Arquitectura”. Coa unión destes dous temas, a Unión Internacional de Arquitectos (UIA) pretende crear un manantial de novas interpretacións, xa que son dous temas que contan cun amplo abanico conceptual.
Como ben saberedes, a recuperación do Casco Histórico de Vigo acaba de ser premiada na XII Bienal de Arquitectura. Para celebralo no Día Mundial da Arquitectura, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia organiza un roteiro polo Casco Vello no que se poderán ver o conxunto de intervencións realizadas. Con este recorrido preténdese elevar o nivel de coñecemento, sensibilidade e capacidade de esixencia dos diversos grupos de cidadáns, e divulgar o entendemento da arquitectura como unha disciplina socialmente útil. Instar ás autoridades, á sociedade civil e ás empresas a sacar o máximo proveito do poder da cultura para dar respostas aos desafíos máis acuciantes en materia e desenvolvemento: sostibilidade medio ambiental e inclusión social.
O horario previsto é de 10.30 a 12.00 h. comezarase na fonte do Paseo de Alfonso e terminarase na rúa Abeleira Menéndez e a convocatoria é aberta a toda a cidadanía.
No mapa que veredes a continuación, poderedes apreciar dunha maneira gráfica todo o traballo que se fixo e se fará na rehabilitación do barrio histórico.
Parécenos una oportunidade única para coñecer e ver de primeira man todo o traballo realizado ata o de agora pola recuperación do noso Casco histórico e, desde aquí, vos animamos a todos a que gocedes desta xornada!