Os Maios enchen de actividades festivas a Praza do Berbés o vindeiro domingo

Vigo, 8-05-2019.- A popular Praza do Berbés é novamente o escenario escollido para celebrar no Casco Vello de Vigo unha nova edición da festa que abre o ciclo vital da primavera: Os Maios. Esta representación simbólica da época de maior fertilidade do ano, do triunfo da luz sobre a escuridade do inverno que xa comeza a quedar lonxe, é unha festa de carácter universal que en Galicia ten unha singular presenza. Na zona histórica da nosa cidade é a Asociación Veciñal Casco Vello quen desde hai décadas botouse sobre os seus ombreiros a responsabilidade da organización deste evento, que chega este próximo domingo 12 a sua trixésimo sétima edición.

De orixe rural, os Maios marcan o triunfo da primavera.

Contacontos

Os actos festivos comezarán na citada Praza do Berbés ás dez e media da mañá con diversos talleres infantís; ás doce haberá unha sesión de contacontos, tamén dirixida aos máis pequenos, que irá seguida, a partir da una da tarde, da actuación dos grupos “Os Ferraias da Etea” e “ Pandereteiras de Frián”. Tras a comida popular, que comezará sobre as 14.30 horas, a intervención da banda de gaitas do Casco Vello, ás cinco da tarde, servirá de introdución ao acontecemento principal da xornada: a representación dramatizada dos Maios, que terá lugar a partir das seis da tarde. Como colofón a todos estes actos o grupo “Ou Mellor de cada casa” amenizará os últimos momentos desta festiva xornada no Berbés.

 

 

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.